Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames insiste a Sanidade para que amplíe o edificio do centro de saúde de Bertamiráns

O alcalde Blas García remitiu un escrito ao conselleiro de Sanidade no que o insta a visitar o consultorio para coñecer de primeira man o seu estado actual

Instalacións do centro de saúde de Bertamiráns, en Ames

Instalacións do centro de saúde de Bertamiráns, en Ames / Cedida

Javier Ramos

Javier Ramos

Ames volve esixir melloras no centro de saúde de Bertamiráns. O alcalde, Blas García, remitiulle no día de onte senllas cartas ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e ao xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela, Ángel Facio, nas que lles demanda unha reforma e ampliación deste consultorio que, ademais de atender ao principal núcleo poboacional amesán, tamén dá servizo a outros municipios da redonda, como A Baña, Brión ou Negreira.

No seu escrito, García xulga «inadmisible» a «deixadez e abandono de funcións» coas que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Xunta de Galicia están a xestionar un centro que atende unha poboación de referencia próxima ás 18.000 persoas. Segundo expón o rexedor amesán, os investimentos neste inmoble «foron mínimos» dende a súa apertura hai preto de corenta anos.

Por este motivo, conmina tanto a Facio como a Caamaño a cumprir os seus compromisos e a achegárense ata o centro de saúde de Bertamiráns para comprobar de primeira man o estado das súas instalacións e a importante carga asistencial que sofre diariamente.

O alcalde mantivo unha xuntanza de traballo co responsable autonómico de Sanidade o pasado mes de outubro na que, segundo explica, o conselleiro prometeu que a visita ía ter lugar «o antes posible», mais non se ten producido dende entón.

«Quero trasladarlle a miña decepción e enfado polo trato que se está a dispensar aos veciños e veciñas de Ames e da contorna que son usuarios deste centro de saúde e do PAC», reza o escrito remitido pola Alcaldía amesá ao departamento galego de Sanidade, ao que acusa de ignorar as peticións realizadas para a mellora de dito centro.

García coida que é «prioritario» que se trace «un plan calendarizado de mellora e ampliación das instalacións e do servizo de atención primaria» en Bertamiráns, onde os usuarios do centro teñen que lidar diariamente con problemas como listas de agarda de máis de dez días para consultas, falta de persoal médico e de enfermaría, ausencia dun responsable de coordinación entre estas dúas áreas e, en xeral, cuestións derivadas do estado dun edificio «caduco, antigo e pouco útil».

Segundo describe o alcalde, o escaso espazo existente fai que o persoal teña que estar «amoreado» nuns despachos pouco accesibles e pequenos, dotados cun mobiliario que, ademais, non cumpre a normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

Para máis inri, conclúe, a estas deficiencias estruturais cómpre engadir un aumento da presión asistencial causado pola chegada de pacientes de Pediatría derivados do concello veciño de Negreira, que agravaron a situación da «xa colapsada atención pediátrica en Bertamiráns» ante a falta de coberturas das prazas desta especialidade médica.

O Concello manifestou a súa vontade e disposición de ceder á Xunta de Galicia os terreos anexos ao centro de saúde para a súa ampliación e mellora, aínda que estes requirimentos non foron atendidos, de momento, por Sanidade.

Resposta do Sergas

Consultados por este xornal, dende o Sergas trasladan que as obras impulsadas por este organismo seguen unha determinada orde de prioridade establecida na súa planificación. De igual forma, apuntan que Ames se beneficiou en tempos recentes da construción dun novo centro de saúde no Milladoiro e dunha reforma no de Bertamiráns, ambas rematadas en 2021 e cun custo total aproximado de tres millóns de euros.

Nas últimas semanas, o Goberno galego sacou a licitación reformas noutros consultorios en municipios limítrofes a Compostela, como os de Pontevea (Teo) ou Vedra, tamén necesitados de melloras.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents