Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP esixe que a alcaldesa de Camariñas se desculpe por dicirlle á edil Paula Mouzo “vas ter que ir ao paredón”

A rexedora, a socialista Sandra Insua, sostén que se descontextualizou a frase, pero recoñece que "non foi a miña mellor intervención"

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua. / Cedida

Camariñas

O grupo do PP no Concello de Camariñas esixiu este xoves á alcaldesa, Sandra Insua (PSOE) que se desculpe publicamente despois de que a rexedora se dirixise durante o último pleno á voceira popular, Paula Mouzo, dicíndolle, segundo asegura, “vas ter que ir ao paredón”.

“A señora Insua vai ter que, primeiro, pedir desculpas e logo explicar que quería dicir cunha afirmación tan grave”, apuntan os populares, que explicaron que a alcaldesa utilizou eses termos durante o enfrontamento no que a rexedora e Paula Mouzo debatían sobre a situación financeira provocada polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Os populares acusan a Insua de “cruzar todas as liñas vermellas” do debate político cunha afirmación que, din, esixe unha desculpa inmediata por parte da alcaldesa.

“En política non todo vale. Queremos pensar que a señora Insua non pensa o que dixo con esa frase; de ser así, non pode estar nin un día máis representando os veciños de Camariñas”, aseguran desde o PP.

A afectada, Paula Mouzo, defendeu que está afeita a ser interrompida durante o debate plenario, pero insistiu en que este tipo de afirmacións van máis alá de calquera discrepancia.

“Eu entrei en política para traballar polo meu pobo e pola xente que vive en Camariñas. Estou disposta a aguantar moitas cousas, pero que me ameacen e recibir insultos homófobos desta maneira supera todos os límites”, sinala Mouzo.

Pola súa banda, a alcaldesa dixo que Mouzo se referiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como «seu pai». «Eu díxenlle que xa teño pai e nai, e que, por outro lado, todos e todas deberíamos estar agradecidos de que quen goberne sexa Pedro Sánchez e non VOX e o PP xa que, se non, atendendo aos exemplos que por desgraza estamos vendo polo mundo adiante, pola súa condición social podería acabar no paredón".

Insua lamenta "que o meu comentario puidese resultar ofensivo para a concelleira Paula Mouzo; esa non era a miña intención. O que non vou aceptar é que se diga que a alcaldesa de Camariñas proferiu insultos homófobos, xa que iso non é certo. A miña forma de entender a vida e os meus valores van en contra radicalmente de calquera actitude homófoba, e creo que todos os que me coñecen o saben".

A rexedora alude aos "constantes ataques da concelleira cara a miña persoa, referíndose continuamente ás políticas de Pedro Sánchez como as políticas do meu pai".

Recoñece que "non foi a miña mellor intervención porque, aínda que penso que as miñas palabras non poden interpretarse como un insulto homófobo de ningún modo, entendo que usar un argumento así para expresar esa realidade pode resultar duro".

"Á vez, creo que debemos ter altura de miras, máis alá de siglas políticas, e valorar que grazas ás políticas que está a aplicar este goberno progresista vivimos nun país libre, onde todas e todos temos os mesmos dereitos. O que está a suceder en Estados Unidos, Francia, Italia ou Alemaña debe facer que nos demos conta de que, se non abandoamos a confrontación, España será o seguinte país onde a ultradereita gañe terreo, impoñendo o seu pensamento radical e as súas políticas que limitan os dereitos das persoas", engadiu.

Finalmente, lamenta que "debido ao fragor do debate, a reflexión que hoxe estou facendo non saíse da miña boca coas palabras máis oportunas. Para ben e para mal, son unha persoa moi directa, sen filtros, pero nunca me considerarei unha persoa homófoba".

Tracking Pixel Contents