Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Caldas de Reis terá un novo centro de saúde de dimensións moito maiores ao actual

A Consellería de Sanidade e o Concello asinaron este martes o convenio de colaboración para a construción deste inmoble

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asina co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, o convenio para a construción do novo centro de saúde

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asina co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, o convenio para a construción do novo centro de saúde / Cedida

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o Concello de Caldas de Reis asinaron este martes un convenio de colaboración para a construción dun novo centro de saúde nesta localidade pontevedresa que permitirá multiplicar por catro a superficie destinada a estas instalacións na actualidade.

De acordo co proxecto presentado, o futuro edificio terá algo máis de 2.800 metros cadrados e incrementará o espazo dispoñible para todos os usos sanitarios, ademais de dispor unha sala específica para técnicas, outra polivalente, unha consulta para docencia e novas áreas de fisioterapia e para a muller.

Tamén contará cunha sala de estar e unha sala de xuntas para o persoal sanitario, ademais dun despacho de coordinación para a xefatura de servizo.

Na área reservada para o punto de atención continuada (PAC), aumentaranse os espazos de consulta e habilitaranse salas de tratamentos e de urxencias.

O investimento aproximado do Goberno galego en todo este centro, incluído coma “prioritario” no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia, será de 7,2 millóns de euros.

Pola súa parte, o Concello de Caldas de Reis deberá correr cos trámites patrimoniais e urbanísticos precisos para ceder ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) unha parcela libre de cargas e coas condicións de acceso estalecidas na normativa municipal. Isto supón que solar debe estar dotado de accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministro eléctrico, alumeado, telefonía, aparcadoiro e demais servizos.

Mentres tanto, a Xunta elaborará, supervisará e deberá aprobar o proxecto técnico; ademais de dirixir e executar as futuras obras de construción deste inmoble.

No acto de sinatura, que tivo lugar esta mañá no edificio administrativo da consellería en Santiago de Compostela, participaron o titular deste departamento do Goberno galego, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Caldas, Jacobo Pérez.

Tracking Pixel Contents