Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dá comezo sen grandes incidencias a nova fase da humanización do Milladoiro

Os traballos no carril en dirección a Padrón retomáronse aproveitando o día non lectivo

Obras de humanización da travesía do Milladoiro

Obras de humanización da travesía do Milladoiro / Cedida

Poucas obras na historia recente de Ames teñen sido sometidas a un escrutinio tan directo como os traballos para a humanización da estrada N-550 ao seu paso polo centro urbano do Milladoiro, unha vila dividida en dúas metades por unha vía que, cando remate esta intervención, pasará a ceder aos veciños da zona boa parte dun espazo hoxe reservado aos vehículos.

Porén, esta é, aínda neste momento, a arteria que atravesan milleiros de coches en desprazamentos dende ou con destino a Santiago de Compostela, os cales pasan por unha urbe amesá que soporta un intenso tráfico de entrada e saída na avenida de Rosalía de Castro, obxecto desta humanización.

Os primeiros traballos deron comezo hai uns meses coa intervención na marxe da N-550 en dirección á capital galega, onde se reduciron os dous carrís existentes a tan só un. As obras foron avanzando con certa normalidade nas semanas seguintes, malia algunhas protestas non demasiado numerosas de persoas contrarias á humanización. Pero o groso dos problemas chegou co comezo da seguinte fase do proxecto, xa no pasado mes de xaneiro.

Coa metade de espazo dispoñible para os vehículos en ambos os dous sentidos, o tamaño das retencións na contorna da rotonda de entrada ao Milladoiro, onde conflúe a práctica totalidade do tráfico da zona, medrou por encima dos niveis desexables e forzou ás autoridades responsables a adaptar o plan de obras para mitigar o seu impacto.

O Concello de Ames e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible acordaron entón pospoñer esta fase da intervención e constituír unha comisión de seguimento destes traballos, reunida nos días seguintes para trazar un novo calendario, mellorar a comunicación dos itinerarios alternativos e dispor medidas adicionais que alivien as incidencias causadas polas obras.

Algunhas delas estaban onte xa vixentes cando se retomaron os traballos na avenida de Rosalía de Castro. Deste xeito, mantéñense dous carrís na N-550 en dirección a Padrón ata o cruce coa rúa Raxoeira para evitar que se sobrecargue de tráfico a glorieta da entrada da vila.

A falta de avaliar como evoluciona o tráfico nesta nova fase da humanización, o certo é que o seu impacto no día de onte, no que non houbo actividade escolar, foi escaso e non se reportaron as queixas da vez anterior, cando se procedeu a traballar nesta marxe.

Hoxe será o día de testar se se poderán compaxinar coa normal actividade dos vehículos na zona e coa prestación dos servizos públicos de transporte, pois en xaneiro notificáronse casos de autobuses escolares que chegaran con importantes retrasos aos centros educativos polas retencións xeradas.

Tracking Pixel Contents