Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Hipotecas e electricidade acaparan a maior parte das consultas a Consumo en Ames

O Concello e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) presentaron este xoves o informe de actividade neste eido correspondente ao ano 2024

Rolda de prensa do Concello de Ames coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL)

Rolda de prensa do Concello de Ames coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) / Cedida

As vilas de Bertamiráns e do Milladoiro manteñen dende hai uns anos unhas oficinas do consumidor que, durante un día á semana, asesoran aos veciños e veciñas destas poboacións ante posibles infraccións e tratos abusivos por parte das empresas e os comercios.

Só no ano 2024, estas sedes recibiron ata 425 consultas diferentes, de acordo cos datos feitos públicos onte polo Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), responsable destes espazos.

A maioría destes requerimentos, o 36,8%, tiveron a ver coa suba dos gastos hipotecarios, especialmente durante o primeiro semestre do ano, no que foron o principal motivo das queixas. Nos seis primeiros meses de 2024, O Milladoiro e Bertamiráns contabilizaron ata 255 consultas, a maioría delas feitas por persoas menores de 65 anos.

Xa na segunda metade do ano, medrou a porcentaxe de actuacións relacionadas co custo da electricidade ou con servizos de telefonía; os máis relevantes dentro dunhas consultas que tamén trataron temas coma os prezos das viaxes e o transporte, as estafas bancarias ou o comercio.

Aínda que o comportamento de ambas as dúas oficinas de Consumo é similar, dende a UCGAL sinalan que no Milladoiro os servizos básicos, coma o gas ou a luz, acaparan máis atención ca en Bertamiráns, cuxa área de actuación é «máis diversa».

O alcalde de Ames, Blas García, defendeu a pertinencia de seguir ofrecendo este servizo de forma presencial, posto que, segundo trasladou na rolda de prensa de presentación destes datos, axuda a ter unha mellor comunicación e a prestar unha atención máis individualizada e exhaustiva.

Tracking Pixel Contents