Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ARTES

Primavera en Danza en Carballo cunha ollada maioritariamente feminina

O festival da capital de Bergantiños é o máis lonxevo de Galicia

Evencio Ferrero, Paula Quintas e Maruxa Suárez presentando a Primavera en Danza

Evencio Ferrero, Paula Quintas e Maruxa Suárez presentando a Primavera en Danza / C. Carballo

Carballo

Primavera en Danza volve a Carballo entre o 28 de marzo e o 11 de abril cunha selección de artistas consolidados ou emerxentes, de dentro ou de fóra de Galicia, con estreas absolutas e variedade de espectáculos para atopar as últimas propostas das artes escénicas. Nesta vinte e tres edición a ollada será maioritariamente feminina. Ademais, o programa mantén o seu espírito didáctico, xa que os creadores e intérpretes contarán todas as claves da súa proposta ao remate de cada peza nun encontro co público.

A programación deste ano comezará coa estrea absoluta de Aurora Boreal, de Paula Quintas (día 28 ás 21.00 horas). Ao día seguinte Marta Alonso presentará Sofá (día 29, 20.30 horas), e xa en abril, o día 5, ás 20.30 horas, chegará a Carballo a catalana Lali Ayguadé co espectáculo Together to get there. O día 6, ás 18.00 horas, será a quenda da compañía tamén catalana Lowland Performing Artes para presentar Cometa. A Primavera en Danza rematará o día 11, ás 21.00 horas co Transeúnte de Daniel Rodríguez.

Cartel promocional da Primavera EnDanza 2025 de Carballo

Cartel promocional da Primavera EnDanza 2025 de Carballo / Cedida

A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, quixo subliñar durante a presentación do programa que Primavera en Danza “é o festival máis lonxevo de Galicia”, destacando non só pola súa “estabilidade”, senón tamén “porque ofrece unha ampla perspectiva da danza contemporánea tanto de dentro coma de fóra de Galicia” e sempre tendo en conta “a presenza doutras disciplinas, como a acrobacia, o circo ou o canto”.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mencionou tamén a perdurabilidade do ciclo “porque queremos que haxa danza con forza, xa que merece o apoio e o recoñecemento de todas as administracións”. Desexou, así mesmo, que a proposta “teña moitos anos de continuidade” e que “cheguemos a ser centenarios na programación estable e de calidade da danza”.

A coreógrafa e intérprete Paula Quintas, cuxa compañía inaugura Primavera en Danza coa estrea absoluta de Aurora Boreal, describiu a peza como "unha proposta inmersiva" que se traballou con todo o equipo cunha perpectiva en "360 graos, para xerar unha estética total". A través do xeo, Aurora Boreal quere reflexionar sobre que non hai que "acelerar a vida" senón "cultivar a paciencia".

Para preparar a peza, a compañía de Paula Quintas realizará unha residencia no Pazo da Cultura a partir do luns 24 de marzo e ata o mesmo venres da estrea, coas instalacións do auditorio á súa disposición. A Concellaría de Cultura quere apoiar así a creación artística e as artes escénicas favorecendo a produción de Aurora Boreal. Ademais, un día antes da representación, o xoves 27 ás 20.00 horas, a propia Quintás protagonizará no Pazo da Cultura o faladoiro Xéneros en danza. Un percorrido histórico dende o corset as novas linguaxes. A entrada é libre.

As entradas para todos os espectáculos estarán á venda en <billeteira.carballo.gal> a partir do martes 11 de marzo. Tamén será posible a venda directa o mesmo día do espectáculo no Pazo da Cultura dende 90 minutos antes da actuación.

Primavera en Danza está organizado pola Concellaría de Cultura de Carballo coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic para todos os espectáculos.

TEMAS

Tracking Pixel Contents