O tesouro da escuridade de Carboeiro
O mosteiro medieval desta parroquia de Silleda é un dos principais atractivos turísticos e arquitectónicos da comarca de Deza. Unha construción centenaria que, dende hai uns anos, garda no interior dalgunhas edificacións un novo ben prezado: a numerosa colonia dunha especie autóctona de morcegos

Varios exemplares de morcegos no teito do pombal do mosteiro de Carboeiro / Cedida
Os morcegos non son un animal con boa fama. Unha especie mamífera de hábitos nocturnos e e toda unha colección de lendas arredor súa que lles fai cargar consigo un certo estigma. Porén, posúen tamén algunhas capacidades fascinantes, coma a súa habilidade para voar e orientarse no medio da escuridade grazas ao un sentido de oído moi avanzado.
Só en Galicia habitan arredor de dúas ducias de especies diferentes de morcegos, das cales ata once están recoñecidas coma ameazadas por algún organismo. Moitas delas empregan árbores, covas ou cavernas como lugar para refuxiarse durante o día, xa que é de noite cando saen a alimentarse, mais son tamén frecuentes as especies que se valen de construcións humanas para aniñar e crear as súas colonias.
E se ben calquera oco entre unhas pedras pode servir para que se acubillen estes animais de pequeno tamaño, moitos edificios históricos e emblemáticos son tamén o fogar para estes mamíferos voadores. Mosteiros antigos, coma o de San Estevo de Ribas de Sil (Ourense), o de Samos (Lugo) ou o de Caveiro (A Coruña), en plenas Fragas do Eume, contan con pequenos grupos de morcegos instalados entre as súas paredes.
Colonias no mosteiro
Así o explican dende a Asociación Morcegos de Galicia, que vela polo coidado, a conservación e o coñecemento desta especie e que esta mesma semana vén de asinar co Concello de Silleda un convenio para a protección da colonia que reside no mosteiro de Carboeiro. Un complexo centenario, datado na Alta Idade Media, que agocha no teito e nas paredes do seu pombal e do seu muíño, xa inutilizados, un grupo de morcegos de ferradura pequenos.
Trátase dunha especie común en territorio peninsular e climas temperados, que ten creado neste mosteiro, explica o biólogo Roberto Hermida, membro da asociación, «unha das colonias máis grandes que hai en Galicia». Dende 2014, estes animais están protexidos por un convenio que levou a restrinxir a entrada dos visitantes ao pombal onde habitaban, cuxa portada foi selada deixando un pequeno espazo para a entrada e saída dos morcegos.

Exterior do pombal do mosteiro de Carboeiro onde habita unha colonia de morcegos / Cedida
Os esforzos por conservalos teñen resultado nun éxito e as observacións recentes amosan que agora tamén ocupan parte do vello muíño, razón que levou a renovar e estender o acordo acadado por Morcegos de Galicia coa corporación silledense. «O que precisan é tranquilidade», afirma Quiroga, que manifesta que aínda que son unha especie de animais que «ás veces non son moi ben vistos», poden «convivir» harmónicamente cos seres humanos e mesmo co uso turístico do mosteiro.
Especies ameazadas
Os morcegos de ferradura común son relativamente comúns en Galicia, mais non ocorre o mesmo con outros membros desta familia animal cuxa existencia se acha ameazada. É o caso, por exemplo, do morcego bigotudo pequeno, cuxa presenza está relacionada cos hábitats formados por masas árboreas maduras e bosques de ribeira, e vai en retroceso malia a ampla superficie de territorio galego ocupada por cultivos forestais.
Aínda que a literatura e outros medios de expresión os teñan inmortalizado en moitos casos coma animais sedentos de sangue, animal ou humana, o certo é que todos os morcegos galegos son insectívoros e, coa súa dieta, xogan un importante rol coma reguladores da poboación doutras especies coma os mosquitos ou as avelaíñas.
Control de plagas agrícolas
Neste sentido, Hermida sinala que a poboación de insectos nocturnos depende en gran medida da existencia de depredadores naturais coma os morcegos e que mesmo son vitais para combater moitas plagas agrícolas que afectan aos cultivos. É unha das varias razóns que esgrime para que se afiance e se consolide a protección dos hábitats e das colonias destes animais, mesmo a través de cambios na lexislación urbanística. Así, cita o caso do Reino Unido, onde a normativa obriga a ter en conta se existen colonias de morcegos nun edificio antes de dar permiso para facer obras e reformas.
En calquera caso, o membro de Morcegos de Galicia explicita que o principal é coidar dos seus refuxios. Alí, estes mamíferos «non só descansan»; senón que hibernan, reprodúcense e crían, polo que é «fundamental» darlles un coidado axeitado.
Labor de concienciación
A asociación na que milita Roberto Hermida, xurdida nun primeiro intre coma unha agrupación de biólogos interesados nestes animais, desenvolve dende hai xa varias décadas unha importante labor de concienciación e sensibilización social en prol do coidado destas especies, que inclúe xornadas especializadas, charlas en colexios ou saídas á natureza para observar aos morcegos nos seus hábitats.
«Eles dependen tamén de nós para manterse», declara este biólogo, que indica que están xa afeitos a instalarse «en construcións humanas», habitadas ou abandonadas, e cuxa supervivencia está xa directamente relacionada coa nosa actividade. Por este motivo, avoga por buscar maneiras que faciliten a convivencia entre morcegos e persoas de feito beneficioso para ambas as partes.
- La última oportunidad del verano para ver juntas a Panorama, París de Noia y Los Satélites: a 30 minutos de Santiago y con fuegos artificiales
- Luis Zahera y Tamar Novas protagonizan la próxima apuesta de Netflix y no es 'Clanes': una película con Santiago muy presente
- Avalancha de solicitudes para ayudas a la vivienda con 410 pisos en ciernes en la comarca: 'É o máis importante da miña vida
- Fallece en Santiago Diana Katherine Ramos, la joven que había protagonizado una misteriosa desaparición diez años atrás en Albacete
- Netflix ya muestra a Martiño Rivas y José Coronado en su nueva miniserie basada en una novela criminal de Arturo Pérez-Reverte
- Así es la pizzería de Santiago que se cuela entre las 100 mejores del mundo
- ¿Cuánto subirán las pensiones en Galicia en 2027? El IPC ya permite hacer una estimación
- Vuelve el calor veraniego a Galicia: los termómetros superarán los 30 grados este fin de semana
