Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xunta e Deputación colaboran para impulsar un novo modelo de residencias

A Consellería de Política Social amósase disposta a concertar prazas e facilitar a tramitación administrativa dos centros proxectados para as localidades das Pontes, Ordes e Rianxo

Reunión da conselleira de Política Social, Fabiola García, co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso

Reunión da conselleira de Política Social, Fabiola García, co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso / Cedida

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, mantiveron onte un encontro de traballo na sede do Goberno galego en San Caetano na que os representantes de ambas as dúas institucións exhibiron disposición a colaborar no estabelecemento dun novo modelo de residencias en Galicia.

A intención da entidade provincial dirixida por Formoso é crear as que serían as primeiras residencias públicas de quinta xeración, que siguen un criterio de atención ás persoas usuarias de maior proximidade e pensado para potenciar a integración deste colectivo na sociedade.

Nunha primeira instancia, a Deputación da Coruña proxecta a creación de tres novas residencias de maiores nas Pontes, Ordes e Rianxo seguindo estas premisas, que fai que sexan deseñadas coma centros abertos á comunidade e onde se poida dar unha convivencia entre xeracións mediante a colaboración con entidades locais, colexios e institutos ou familias.

«Queremos crear unha rede provincial de residencias adaptadas ás necesidades reais das persoas maiores, con dous piares fundamentais: a innovación e unha atención máis próxima e humana», defendeu Formoso ao remate da súa reunión coa titular de Política Social, de quen destacou a súa vontade de «total colaboración» coa Deputación.

Nestes sentido, valorou coma unha «excelente noticia» que a Xunta de Galicia se amosara disposta a concertar prazas nestes centros cos seus fondos unha vez se fagan realidade e a simplificar e axilizar a tramitación administrativa deste proxecto para conseguir que se executen coa maior brevidade posible.

Pola súa parte, García remarcou a intención da administración autonómica de colaborar na posta en marcha destas residencias e incidiu na importancia de que as institucións colaboren entre si para garantir unha atención residencial ás persoas maiores da mellor calidade posible.

Os centros promovidos pola Deputación da Coruña seguen os criterios empregados noutros países, especialmente no norte de Europa, onde a tendencia é a de crear edificios de menores dimensións, con grupos de usuarios máis reducidos, e facilitar a súa apertura e interrelación con outros espazos da sociedade civil.

Tracking Pixel Contents