Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dixitalizan as cartas escritas por Cela a outros intelectuais da galeguidade

A colección epistolar do autor galego irase publicando de maneira progresiva nun portal web de acceso libre

Representantes da Xunta, do Consello da Cultura Galega e da Fundación Camilo José Cela diante dun retrato do escritor

Representantes da Xunta, do Consello da Cultura Galega e da Fundación Camilo José Cela diante dun retrato do escritor / Lavandeira Jr. | Efe

Javier Ramos

Javier Ramos

O portal web do Consello da Cultura Galega (CCG) conta dende este martes cunha subsección, nomeada As epístolas galegas de CJC, na que os usuarios dispoñen de acceso libre á colección epistolar de Camilo José Cela, escritor galego agraciado co Premio Nobel de Literatura en 1989, que inclúen conversas con importantes intelectuais da galeguidade na segunda metade do século XX.

O arquivo persoal de Cela, custodiado pola fundación á que lle dá nome na Casa dos Cóengos de Iria Flavia (Padrón), abrangue as misivas intercambiadas por este persoeiro dende o ano 1942, data de publicación, en plena posguerra, da súa primeira novela, La familia de Pascual Duarte; ata o 17 de xaneiro de 2002, día do seu pasamento.

Nese lapso de tempo, Camilo José Cela chegou a acumular máis de 95.000 correspondencias con ata 13.000 referentes da vida social, política e cultural do século pasado; un fondo documental de grande valor que agora o CCG e a Xunta de Galicia, coa colaboración da fundación, queren pór a disposición da sociedade.

Polo de agora, no portal web son accesibles apenas 231 epístolas cunha trintena de correspondentes, entre os que se atopan o escritor Celso Emilio Ferreiro, o intelectual Isaac Díaz Pardo ou a Fundación Rosalía de Castro.

“Teño o convencemento de que será un portal de referencia para coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”, comentou esta mañá Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta, durante a presentación do día de onte, na que se referiu a estas cartas coma “un auténtico tesouro que merece ser estudado”. Así, valorou que esta iniciativa conxunta de varias institucións permite “coñecer a Cela máis alá da súa obra literaria”.

Pola súa parte, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quixo sinalar “a ampla e tupida rede de relacións de diverso tipo” que Cela mantivo con persoeiros da sociedade galega, tanto eido intelectual coma noutros.

Os materiais publicados están libres de dereitos e expóñense coa fin de facilitar a investigación e o coñecemento en aberto do legado, vida e obra deste afamado escritor padronés, unha das sinaturas de referencia da literatura en castelán da segunda metade do século XX.

Tracking Pixel Contents