Catas guiadas, rutas e música para presumir do viño da Ulla
The Rapants e a París de Noia encabezan as actuacións dunha festa en San Miguel de Sarandón (Vedra) na que dará o pregón a conselleira do Medio Rural, María José Gómez

Integrantes da comisión organizadora e representantes do Concello de Vedra na presentación da Festa de Exaltación do Viño da Ulla / Jesús Prieto
Este 2025 cumprirase un cuarto de século dende a incorporación da subzona da ribeira do Ulla á denominación de orixe protexida vitivinícola das Rías Baixas. Vintecinco anos dende o recoñecemento oficial da tradición destes cultivos nunha ampla área que abrangue oito concellos: cinco na provincia da Coruña (Padrón, Teo, Boqueixón, Vedra e Touro) e outros tres na de Pontevedra (A Estrada, Silleda e Vila de Cruces).
Cata concurso e mostra de viños
Todos eles serán partícipes da que será, os días 5 e 6 de abril na parroquia vedresa de San Miguel de Sarandón, unha nova edición, a número 43, da Festa de Exaltación do Viño da Ulla; na que trece adegas desta subzona, todas menos dúas, exporán nun certame competitivo as súas elaboracións máis recentes.
Esta cata concurso será un dos eventos principais, xunto coa mostra instalada no recinto da festa, dunha fin de semana repleta de actividades que a comisión organizadora deste evento, xunto con representantes do Concello de Vedra, presentou onte na Cidade da Cultura de Galicia.
Unha semana de actividades
Xa nos días previos, do 2 ao 4 de abril, haberá varias xornadas técnicas arredor da enoloxía, que abordarán aspectos coma a formación dos viticultores, a fertilidade dos cultivos, visitas a adegas ou catas comentadas por especialistas.
Serán o preludio de dúas datas intensas, nunha fin de semana que se abrirá con rutas motorizadas: unha en motocicleta polas ribeiras do Ulla en Vedra, Boqueixón e Touro e outra de coches clásicos polas marxes do río nos concellos de Teo, Padrón, Vedra e A Estrada. Estes vehículos de época estarán logo expostos no recinto da festa do Viño da Ulla para que os asistentes poidan contemplalos.
Música tradicional e The Rapants
Así mesmo, a exaltación dos caldos desta subzona irá da man de actuacións de música, tanto tradicional con varios colectivos da zona, coma máis contemporánea a través da celebración do Viño Son, na que o plato forte será o concerto de The Rapants, acompañados polos John Deeres e a disco móbil Chocolate.
Acto institucional e verbena coa París de Noia
Xa no día grande da festa haberá tempo para o concerto da banda de música de Santa Cruz de Ribadulla, que actuará de forma previa a lectura do pregón que fará a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nun acto institucional que tamén servirá para premiar aos gañadores da cata concurso e nomear aos novos membros da Orde dos Amigos/as do Viño da Ulla. Será o eixo central dun domingo de festa no que a tarde será tempo para unha sesión de verbena con charangas e a actuación da orquestra París de Noia.
Obxectivo: chegar a ser Festa de Interese Turístico de Galicia
A presidenta da comisión organizadora, Marieli Mogo Serrano, destacou a que esta festa «cada ano crece en actividades» e este ano achégase aos 60.000 euros de orzamento, unha cantidade coa que saca adiante case unha semana de programación coa que aspiran a, nun horizonte temporal breve, convertirse oficialmente en cita de interese turístico a nivel galego.
- Una compostelana hace historia al ganar un Latin Grammy: 'Quero adicarllo a miña cidade e a Galicia
- El juzgado autoriza a Pérez Rumbao a que adquiera los concesionarios del Grupo Yáñez
- Los entrenadores de Ilia Topuria abren en Santiago su esperado gimnasio la semana que viene
- «Esta fiesta por los 90 años de Capitol es una muestra de orgullo picheleiro»
- Los efectos de Claudia en Santiago: un herido en la AP-9 y varios puntos inundados
- Denuncian el caos creado por los sentidos únicos en Bertamiráns
- Un incendio en un edificio de Pontepedriña atrapa a uno de sus vecinos: los bomberos trabajan en el lugar
- Nivel rojo por la crecida del Sar y Tambre desbordado en Ames con su molino en jaque

