Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vimianzo celebra os vinte anos da Vivenda Comunitaria

Dende a súa posta en marcha no ano 2005 acolleu 53 persoas, e do comedor e da lavandería sobre rodas beneficiáronse 229

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, segunda pola esquerda, cos protagonistas do acto.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, segunda pola esquerda, cos protagonistas do acto. / Cedida

Vimianzo

O Concello de Vimianzo celebrou este venres o vixésimo aniversario da Vivenda Comunitaria e da posta en marcha dos servizos de comedor e lavandería sobre rodas.

O evento contou coa participación da deputada de Benestar Social, Mar García Vidal, membros da Corporación actual e da lexislatura na que se puxo en marcha (2003-2007), persoal actual e o que estreou o servizo, e as persoas usuarias.

Todo comezou nunha praza de mercado municipal e, desde o dez de marzo de 2005, a Vivenda Comunitaria acolleu 53 persoas, e outras 25 traballaron para facelo posible. Neste tempo, o comedor e a lavandería sobre rodas beneficiaron a 229 persoas.

Sandra Abeijón, traballadora social, estivo presente no comezo «do que era unha gran aventura e que hoxe é un gran orgullo manter. Estes servizos son esenciais para os nosos maiores, para loitar contra a soidade das persoas, e debemos sentirnos profundamente agradecidos por poder seguir desenvolvéndoos».

A concelleira de Benestar Social, María José Pose, recoñeceu o labor de todo o persoal implicado desde os seus inicios.

Mar García salientou o compromiso da Deputación da Coruña cos concellos rurais.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, dirixiuse a cada un dos doce usuarios como «os verdadeiros protagonistas» e agradeceu «a quen en 2005, nun gran acto de valentía, decidiu confiar e atreverse a impulsar un proxecto dunhas características únicas. Hoxe nós mantemos o seu legado coa mesma ilusión».

TEMAS

Tracking Pixel Contents