Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Renovan o alumeado deportivo dos dous campos de fútbol do concello de Frades

As obras, nas que colaborou a Xunta, tiveron un custo de case 60.000 euros

A delegada da Xunta, Belén do Campo, durante a visita aos campos de fútbol de Frades

A delegada da Xunta, Belén do Campo, durante a visita aos campos de fútbol de Frades / Cedida

A Xunta de Galicia e o Concello de Frades veñen de completar a renovación do alumeado deportivo dos dous campos de fútbol existentes neste concello, nos núcleos de Ponte Carreira e Abellá.

A delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, visitou onte estas dúas instalacións deportivas, nas que, con cargo ao Fondo de Cooperación Local, as dúas institucións teñen investido preto de 60.000 euros para substituír as luminarias por unhas novas que permitirán un aforro anual de case o 66% na enerxía consumida.

Isto débese a que as empregadas anteriormente eran moi antigas e contaban con pantallas difusoras en mal estado, o que reducía enormemente a súa eficacia.

No caso do campo de Ponte Carreira duplicouse o número existente de torres de alumeado e instaláronse ata vinte proxectores, cinco por torre; mentres que en Abellá mantivéronse os catro postes xa existentes, cun proxector máis por torre.

«As actuacións permitiron instalar luminarias de maior eficiencia enerxética e de menor contaminación lumínica, ademais de colocar equipos de acendido electrónicos para regular o tipo de alumeado dos campos», explicou o alcalde de Frades, Roberto Rey.

Esta intervención fíxose con cargo a unha convocatoria de axudas que o Goberno galego volve licitar este ano, cun orzamento total de cinco millóns de euros, e para o que xa está aberto o prazo de solicitude.

Tracking Pixel Contents