Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Juan Fuentes: «Se non fose por Baroña eu non falaría galego»

O presentador da TVG vive unha «borracheira de cariño» tras recibir o premio Mestre Mateo ao mellor comunicador

O presentador Juan Fuentes co seu premio Mestre Mateo ao mellor comunicador na gala celebrada o pasado 15 de marzo en Lalín

O presentador Juan Fuentes co seu premio Mestre Mateo ao mellor comunicador na gala celebrada o pasado 15 de marzo en Lalín / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Juan Fuentes (Santiago, 1980) ía para mestre de música, pero unha distracción fixo que, aos 24 anos, cando xa cursara Maxisterio e empezara Pedagoxía, acabara matriculado en Comunicación Audiovisual. «Era o bicho raro e o pureta da clase», lembra entre risas. Un bendito descoido que o levou primeiro á Radio Galega e, despois, á Televisión de Galicia.

«A primeira persoa que me animou a contar historias foi Belén Regueira. Aí dixen: isto mola», recorda. Pero foi o falecido Xosé Manuel Piñeiro o que conseguiu que saira en pantalla: «Eu non quería, porque me daba pánico, pero díxome: ou isto ou á rúa», rememora o presentador, que hai uns días recollía o premio Mestre Mateo ao mellor comunicador polo programa Quen anda aí?.

Juan Fuentes recolle o seu premio Mestre Mateo ao mellor comunicador na gala celebrada en Lalín o pasado 15 de marzo

Juan Fuentes recolle o seu premio Mestre Mateo ao mellor comunicador na gala celebrada en Lalín o pasado 15 de marzo / CEDIDA

Picheleiro da zona de Sar, estudou no Quiroga Palacios, no Xelmírez I e na Universidade de Santiago. «Non había un chavo na casa para ir estudar fóra, pero os meus pais sempre foron moi modernos», lembra. Ata as dúas da madrugada «vivía» cos colegas, pero tiña a sorte de que, ao día seguinte, «comía na casa de mamá». A ela, falecida hai 14 anos, e á súa parella Paula dedicoulles o galardón nun emotivo discurso no que reivindicou o oficio de facer televisión de entretemento.

Dúas horas e media de televisión en directo

«Síntome un privilexiado», confesa. «Teño a sorte de estar nun programa no que podemos amosar todos os rexistros e traballo con xente da que aprendo todos os días», afirma sobre o Quen anda aí?, que presenta con Roberto Vilar, Raquel Atanes, Marcial Mouzo e Eva Iglesias. Dúas horas e media de televisión en directo de luns a venres na que traballa cunha «familia» de 80 persoas. «O noso privilexio é que os espectadores nos escollan para poder acompañalos cada tarde», sostén.

Fillo adoptivo do Barbanza

O presentador atende a chamada deste diario co mans libres mentres conduce cara Ordes, onde se sitúan os estudos do Quen anda aí? Hai pouco que se mudou coa súa parella a Cacheiras (Teo), onde viven «felices», pero séntese vencellado de por vida ao Barbanza. «Sempre digo que de maior quero ser de Baroña», conta sobre un vínculo que naceu cando tiña 10 ou 11 anos e comezou a veranear na zona. «Faciamos acampada libre cando aínda se podía, e despois fomos facendo unha casiña pouco a pouco», relata. «Tanto en Baroña, como en Cabo de Cruz (Boiro), qué e unha terra de músicos brutais, cos que toco moito, sempre sentín que encaixaba», explica.

O Barbanza fíxolle o mellor dos agasallos. «Eu nunca escoitara galego fóra da clase, nin xogara en galego con ninguén. Se non fose por Baroña eu non falaría galego. Alí empecei a falalo de xeito natural. Fixéronme o regalo da lingua», subliña.

Tracking Pixel Contents