Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PRAGA

Oito anos de loita pioneira e 112.500 avespas velutinas menos en Carballo

Foi o primeiro concello de Galicia en impulsar as campañas de trampeo

Isidro Rodríguez, de Plaguiber, impartindo unha charla sobre a velutina en Carballo

Isidro Rodríguez, de Plaguiber, impartindo unha charla sobre a velutina en Carballo / C. C.

Carballo

O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia ao poñer en marcha no ano 2017 a primeira campaña de trampeo da avespa velutina. Este 1 de marzo, coma todos os anos, o servizo municipal de control de pragas puxo en marcha a correspondente ao 2025, na que novamente contarán coa axuda da veciñanza en xeral e dos apicultores e apicultoras en particular. A campaña inclúe tamén accións de divulgación, como a realizada por Isidro Rodríguez no marco da MercaEscola.

Desde a primeira campaña foron capturadas 112.562 avespas no municipio carballés. O ano de maior incidencia da praga foi o 2021, no que caeron nas trampas un total de 32.391 exemplares. Aínda que desde ese ano houbo un descenso, as cifras seguen a ser moi elevadas e no 2024 acadáronse as 17.203.

«Este ano nótase unha incidencia moito menor da presenza da avespa asiática, aínda que os expertos consideran que é unha situación conxuntural derivada da meteoroloxía, e que o peor está por vir», subliñan dende o Concello carballés. Polo momento, as capturas nas trampas que se colocaron nos últimos días de febreiro nas zonas verdes públicas «son moi escasas, pero xa empeza a habelas», engaden.

Dende o Concello agradecen a implicación da cidadanía, «xa que cada ano contamos con máis de 200 voluntarios e voluntarias para loitar contra esta especie invasora». Neste sentido, lembran que as persoas interesadas poden achegarse ata as instalacións da empresa Plaguiber (rúa Brasil, número 27) para inscribirse e recoller, de balde, a trampa e o líquido atraente, do que levan distribuído 6.481 litros en cinco anos. Os participantes só teñen que comprometerse a informar periodicamente sobre as capturas que realicen e devolver as trampas ao remate da campaña.

O obxectivo son as raíñas

A actual campaña de trampeo no municipio carballés concentrarase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios.

En canto aos niños que poidan ir aparecendo, lembran que os avisos deben realizarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron, un ano máis, o convenio para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática no ano 2025. O Concello de Carballo vén de adherirse a ese convenio para continuar coa loita.

Fisterra súmase á iniciativa coa instalación de 120 trampas

O Concello de Fisterra vén de sumarse tamén ao programa de trampeo de velutina. Distribuirá un total de 120 trampas, oitenta das cales serán entregadas ás persoas que desexen colaborar na iniciativa, e co resto darán cobertura a todos os núcleos das parroquias de Santa María das Areas, San Martiño de Duio, San Vicente de Duio e San Xoán de Sardiñeiro, segundo informa a alcaldesa, Áurea Domínguez.

Na Costa da Morte son varios os concellos que se foron sumando ás campañas de trampeo para combater a avespa invasora. Ademais de Carballo e Fisterra, tamén loitan contra a praga en Cabana de Bergantiños, A Laracha, Zas, Ponteceso e Dumbría, entre outros, co apoio dos seus veciños.

Tracking Pixel Contents