Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames celebra o Mes do Libro con concertos, contos e monicreques

Blas García presentou este mércores a programación das vindeiras semanas, coa que procurarán fomentar hábitos diarios entre os máis cativos

A animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández, e o alcalde, Blas García

A animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández, e o alcalde, Blas García / Cedida

Abril será un ano máis o Mes do Libro no concello de Ames este 2025. O vindeiro día 2 terá lugar a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e, só tres semanas despois, o 23 do mesmo mes, conmemorarase o Día Internacional do Libro; dúas efemérides que en Ames son sinónimo dunha gran variedade de actividades de carácter literario.

Así, xa dende o primeiro día do mes, do 1 ao 3, a biblioteca municipal de Bertamiráns acollerá un ciclo de contacontos que tamén visitará O Milladoiro do 22 ao 24. Será o preludio dunha das grandes novidades deste Mes do Libro: o concerto de Lydia Botana, que terá lugar o xoves 2 na casa da cultura de Bertamiráns.

Trátase dun espectáculo pensado para un público familiar no que as cancións narran a historia da viaxe protagonizada por unha bolboreta que dá a volta ao mundo para ir recuperando as súas cores a través de diferentes ritmos, como a bossa nova, o rap, o reggae ou a salsa.

Ao longo do Mes do Libro tamén haberá actividades e presentacións pensadas para un público máis adulto, como os encontros literarios con Luz Darriba, o día 9, para falar de Comida para gatos, ou con Carlos Moreno, que contará máis detalles de Cuarto vértice o mércores 23. Ambas as dúas citas serán a partir das oito da tarde no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Volvendo á cativada, está prevista a organización dun obradoiro de encadernación xaponesa coa rapazada de a partir de terceiro de Primaria, con dúas sesións: unha no Milladoiro o día 25 de abril e outra ao día seguinte en Bertamiráns.

Así mesmo, Tanxarina Compañía de Títeres chegará a Ames o día 28 de abril para interpretar A biblioteca galáctica contra a IA fantástica, unha obra de teatro infantil baseada nun libro de Carlos Labraña.

Outras das actividades habituais deste Mes do Libro é o concurso de debuxo infantil, no que poderán participar as familias que remitan as súas creacións sobre a literatura entre os días 1 e 23 de abril, tanto nas bibliotecas como mediante correo electrónico. Asemade, farase un novo sorteo dun lote de libros para os participantes que completen os selos do programa Superlectores, activo nas dúas bibliotecas municipais en dúas categorías: maiores e menores de catorce anos.

O alcalde de Ames, Blas García, participou este mércores na presentación de toda esta programación, da que sinalou que «é moi importante» porque, segundo explicou, «é fundamental fomentar a lectura», sobre todo entre a cativada.

Tracking Pixel Contents