Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As peaxes entre Lalín e Santiago estarán bonificadas dende abril

Os usuarios habituais da autoestrada AP-53 poderán contar con descontos de ata o 75% sobre as tarifas que aboan na actualidade

Tráfico nun tramo da AP-53 á altura do lugar de Oca, na Estrada

Tráfico nun tramo da AP-53 á altura do lugar de Oca, na Estrada / Bernabé / Javier Lalín

O Consello de Ministros habilitou este martes as dotacións económicas necesarias para financiar os descontos das peaxes na autoestrada AP-53 en Galicia ata o remate da concesión desta infraestrutura.

Segundo confirmou durante a sesión de control ao Goberno o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, estas bonificacións estarán activas a partir do vindeiro mes de abril e terminarán coa anomalía de que esta vía, que conecta en réxime de pagamento Santiago de Compostela co polígono industrial de Lalín, fora a única do Estado que non contaba con rebaixas de ningún tipo para os usuarios.

Estas bonificacións forman parte do pacto de investidura entre o PSOE e o BNG, mais non foran aplicadas ata o de agora porque o Executivo estatal alegaba que non entraran en vigor uns novos orzamentos e seguían a estar vixentes as contas de 2023. De aquí a que remate 2027, o Estado dedicará 14,3 millóns de euros a financiar estes descontos.

Análogos aos da AP-9

Con esta medida, os condutores que circulen pola AP-53 poderán beneficiarse duns descontos equivalentes aos establecidos na AP-9, é dicir, preto dun 75% para os usuarios superrecorrentes, aqueles que empreguen un dispositivo de telepeaxe e realicen vinte ou máis viaxes nun mesmo mes. Por outra banda, aquelas persoas que fagan un percorrido de ida e volta no mesmo día gozarán dunha bonificación do 100% na viaxe de regreso. O custo do traxecto completo Santiago-Lalín ascende a 6,70 euros na actualidade.

Satisfacción en PSdeG e BNG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, amosou a súa satisfacción pola inminente entrada en vigor desta medida e destacou que o Goberno central «cumpriu claramente» con Galicia ao aprobar esta medida.«Dixemos que sería unha realidade antes de terminar o primeiro trimestre de 2025», lembrou Besteiro.

«Significa para nós dar carpetazo a unha demanda histórica de toda a veciñanza do Deza», asegurou a alcaldesa socialista de Silleda, Paula Fernández Pena, quen agradeceu ao Executivo que vaia rematar co agravio comparativo respecto doutras autoestradas.

Así mesmo, no BNG, a senadora Carme da Silva calificou de «vitoria histórica» esta noticia e atribúelle o mérito de tela conseguido á insistencia do seu partido.

O PP agarda a que se efectúe

Consultado por este xornal, o Concello de Lalín avogou por agardar a que se faga efectiva esta rebaixa para valorala, mentres que, nun comunicado, o deputado popular no Congreso Celso Delgado considerou que a medida «chega tarde» e é «insuficiente».

Tracking Pixel Contents