Melide será capital da música tradicional o 26 e 27 de abril
A Foliada celebrará a súa maioría de idade con Mercedes Peón e grupos de toda Galicia
Renderáselle homenaxe ás cantareiras

José Manuel Pérez, no centro, con concelleiros e veciños na presentación da Foliada / Cedida
Melide prepárase para celebrar por todo o alto unha nova edición da súa tradicional Foliada, que festexa o 26 e o 27 de abril a súa maioría de idade cun amplísimo programa presentado este venres polo alcalde, José Manuel Pérez. O rexedor salientou o carácter referencial acadado pola celebración dende a súa posta en marcha e convidou a veciños e visitantes a gozar das actividades e as actuacións programadas.
Na súa XVIII edición, a Foliada volverá facer de Melide a capital da cultura tradicional galega con Mercedes Peón á cabeza, a artista máis destacada da programación, na que estarán presentes agrupacións de toda Galicia.

Mercedes Peón é un dos grandes atractivos do cartel / ECG
A Foliada arrancará o sábado 26 a partir das 11.00 horas coa apertura da mostra de artesanía e instrumentos, que permanecerá toda a fin de semana na praza e rúa do Convento. A partir das 11.30 horas comezará a animación de rúa, cos xigantes e cabezudos e os Treboeiros de Muimenta.
Ás 12.00 horas iniciarase un dos eventos máis esperados da Foliada: o concurso de cantos de taberna, no que os participante irán percorrendo os bares da zona antiga de Melide.
Xa pola tarde, e tralos obradoiros de Cris Canosa e Bico da Balouta, será a quenda da Marcha Gaiteira, que reunirá unha quincena de agrupacións en distintas rúas e prazas e que rematará co multitudinario serán na praza das Coles a partir das 19.30 horas.
Será unha tardiña de festa coas agrupacións melidás Froito Novo, Herba Grileira e Pozo Pequeno; O Bingo Birón e Gaiteiros do Balado, de Toques; a Maristela de Sobrado dos Monxes; Fol da Chousa de Santiso; O Bringuelo de Arzúa; A Rexouba da Coruña e Airiños de Orbazai de Lugo. A xornada rematará coas actuacións de Carapaus e Coanhadeira.
O domingo 27 haberá concerto na capela de Santo Antón e animación de rúa con Anxuiña. Ás 12.00 horas terá lugar a presentación musicalizada do libro Cantareiras, da man da pandeireteira Icia Varela e do investigador Xosé Manuel Varela. A continuación, a praza do Convento acollerá unha homenaxe ás cantareiras e transmisoras da tradición oral, que protagonizan este ano o Día das Letras Galegas. Durante a xornada actuarán tamén Cantometrics, Cé Orquestra e Xacarandaina.
O broche de ouro correrá a cargo de Mercedes Peón, que actuará a partir das 19.00 horas na praza das Coles, onde presentará o espectáculo da súa xira Ingrávida.
No desenvolvemento das actividades colaboran de maneira voluntaria unhas 50 personas.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- El mejor quinteto de la historia del Obradoiro vuelve a reunirse
- Ames y Teo se cuelan en el Top 10 de los concellos coruñeses de mayor renta
- Tres restaurantes con alma compostelana, entre las mejores aperturas de España
- El embarcadero 'de cuento' que enamora en Galicia: oculto en un pazo a cuarenta minutos de Santiago
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: "Me han enterrado a un amigo dos veces"
- Cuatro jóvenes heridos en un accidente con tres vehículos implicados en Ribeira
