Trazo réndese ao talento de Rosalía Morlán e faina Filla Predilecta
O conselleiro de Cultura destaca o papel da creación literaria en galego para incorporar novos lectores e falantes á lingua propia

Rosalía Morlán, no centro, coa alcaldesa Fina Suárez e o conselleiro López Campos / CEDIDA
A poeta Rosalía Morlán xa é oficialmente Filla Predilecta de Trazo, concello onde naceu e do que sempre actuou como embaixadora.
Á homenaxe, presidida pola alcaldesa, Fina Suárez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García; os rexedores de Oroso, Álex Doval, Teo, Lucía Calvo; Ordes, José Luis Martínez, e Tordoia, Antonio Pereiro; a concelleira compostelá María Baleato, responsable de Cultura do PPdeG; o edil de Frades Manuel Ferreiro; concelleiros da Corporación de Trazo, e centos de veciños que quixeron acompañar a súa paisana nada na aldea de Vilariño, onde comezou de nena a escribir poemas.

De esquerda a dereita, María Baleato, Valentín García, Antonio Pereiro, Rosalía Morlán, Fina Suárez, Lucía Calvo, Álex Dova, José Luis Martínez e Manuel Ferreiro / CEDIDA
A máis literatura, máis lectores e falantes
Na súa intervención, o conselleiro de Cultura salientou o «importante papel» que exerce a creación literaria infantil en galego para «incorporar e incrementar novos lectores e falantes á nosa lingua». López Campos agradeceu a dedicación «profusa e ampla» de Rosalía Morlán á literatura infantil, a través de «excelsas obras» en narrativa, poesía e teatro. Ao respecto, destacou que as súas creacións reflicten «un grande amor, respecto e alta estima polo oficio da escrita, pola nosa lingua e polo público á que van dirixidas».

Rosalía Morlán, co documento que a acredita como Filla Predilecta de Trazo. Xunto a ela, a alcaldesa Fina Suárez / CEDIDA
O responsable autonómico de Cultura valorou a contribución da enfermeira e poeta á hora de atraer novos lectores cara á literatura en galego, «pequenos en idade, pero xigantes en criterio, sensibilidade e fidelidade».
«Autoras coma ti fan cultura, fan país»
«Autoras coma ti fan cultura, fan país e fan que máis dos nosos se animen a ler máis e no noso idioma», sinalou López Campos, para quen o feito de ter referentes dende a infancia en galego fai que os máis novos acaben por sacar «a lingua que levan dentro».
Morlán, enfermeira de profesión e docente na Universidade de Santiago (USC), ten recibido numerosos recoñecementos pola súa traxectoria literaria, como a Mención de honra do Premio Arume de poesía ou o accésit do certame Simbad para o recordo. A autora tamén leva a cabo un importante labor de divulgación nos centros educativos onde busca aproximar os rapaces á poesía.
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Londres dice que el dron que alcanzó la base británica en Chipre no fue lanzado desde Irán
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Irán anuncia un ataque con drones contra el portaaeronaves 'Abraham Lincoln'
- Sara Ángela Balado, emprendedora en O Milladoiro: «Que ninguna mujer que quiera abrir su negocio se quede con la duda»
- Nueva agresión en la plaza del Toural de Santiago: un hombre rompe una botella en la cabeza a otro varón

