Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MEDIO AMBIENTE

Botellas de multitude de países recalan na costa de Camariñas

Voluntarios de Mar de Fábula recolleron envases de China, Xapón e países árabes

Botella rotulada en chinés recollida nos coídos do Corno, en Camariñas

Botella rotulada en chinés recollida nos coídos do Corno, en Camariñas / Mar de Fábula

Camariñas

Catorce voluntarias e voluntarios acudiron ao chamamento da asociación Mar de Fábula para limpar os coídos do Corno, en Camariñas, moi preto do mítico faro Vilán. Retiraron un total de 104,3 quilos de lixo mariño, entre eles dúcias de botellas de auga e de refresco de multitude de países, entre eles China, Xapón e Arabia, que chegan á costa dende o Corredor Marítimo de Fisterra, polo que pasan cada ano máis de 40.000 buques.

Un dos envases plásticos internacionais recollidos nos coídos do Corno, en Camariñas

Un dos envases plásticos internacionais recollidos nos coídos do Corno, en Camariñas / Mar de Fábula

"Lixo global, problema global e actuacións en local". Así resume Virginia Barros, presidenta de Mar de Fábula, as conclusións das accións medioambientais que veñen desenvolvendo na Costa da Morte. Asegura que ían "preparados para o peor dos escenarios, xa que coñecemos ben o lugar e sabemos que o corredor marítimo é unha gran fonte de contaminación plástica, pero sorpresivamente os coídos non estaban tan contaminados como de costume".

Conclúen que isto "pódese deber a que temos, por fin, recuperado entre todos este enclave", subliña Barros. As limpezas recorrentes no Corno, de paseantes da zona e de camiñantes do Camiño dos Faros, "están á contribuir ao seu bo estado". Iso sí, engade, "máis adiante hai máis coídos que precisan axuda porque o mar sempre vomita o que pode". Por iso, Mar de Fábula e os seus voluntarios voltarán pola contorna.

Dende o colectivo agradecen o apoio loxístico do Concello de Camariñas, que recollerá e trasladará aos puntos de reciclaxe oportunos todo o lixo que deixaron ben estibado en varios puntos da contorna.

Tracking Pixel Contents