Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novo firme e zonas de adiantamento na estrada de Santa Comba a Val do Dubra

O Consello da Xunta aprobou onte de xeito provisional o proxecto de acondicionamento da AC-406, onde investirá uns 4,4 millóns de euros

Estrada AC-406 á altura do lugar de Paramos (Val do Dubra), onde se prevé levar a cabo obras de acondicionamento e ampliación

Estrada AC-406 á altura do lugar de Paramos (Val do Dubra), onde se prevé levar a cabo obras de acondicionamento e ampliación / Google Maps

A AC-406 é unha das principais estradas do interior da provincia da Coruña. Cada día centos de vehículos percorren esta vía, que conecta o núcleo urbano de Santa Comba co lugar de Portomouro, en Val do Dubra, e serve para comunicar a zona industrial do Tambre, en Santiago de Compostela, con boa parte da Costa da Morte.

Trátase dunha estrada para a que non existen na actualidade alternativas de altas capacidades e que, debido á súa importancia, xa foi obxecto de traballos de mellora hai uns anos por parte do Goberno galego á altura do parque empresarial de Santa Comba. Alí, entre 2018 e 2019, o Executivo autonómico investiu máis de 3,2 millóns de euros na execución dun novo trazado alternativo para evitar o paso polo núcleo de Salgueiroas.

Onte, o Consello de Xunta abriu unha nova fase do para as melloras desta estrada coa aprobación provisional do proxecto de acondicionamento que afectará ao treito comprendido entre os quilómetros 18,5 e 22 desta infraestrutura, entre os concellos da Baña e de Val do Dubra.

Alí, segundo expoñen fontes do Goberno galego, investiranse nos vindeiros anos preto de 4,4 millóns de euros para mellorar o firme desta vía e habilitar un novo carril de adiantamento que permita unha mellor mobilidade ao longo de todo o trazado. Paralelamente, tamén se renovarán a sinalización, o balizamento e as defensas neste treito, ademais de acometerse as obras complementarias que sexan precisas.

A intención da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é someter este proxecto a información pública durante o mes de abril para aprobalo de xeito definitivo durante o outono e así poder executar as obras nun prazo dun ano dende o seu comezo.

Satisfacción entre os alcaldes

Consultados por este xornal, José Antonio Pereira e Diego Luis Díaz Méndez, alcaldes da Baña e de Val do Dubra, respectivamente; amosaron a súa satisfacción co anuncio deste investimento por parte da Administracion autonómica.

Así, os dous coincidiron en sinalar que se trata dunha estrada cunha importante densidade de tráfico e clave para vertebrar a mobilidade en toda a contorna, cuxa reforma integral levan anos agardando despois de que se acometera a primeira fase do acondicionamento.

Tracking Pixel Contents