Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Estrada alberga un foro con palestras sobre os diferentes Camiños de Santiago

Servirá como preludio da entrega dos premios Abadesa Mariana 2025 a persoas e colectivos que colaboran coa Asociación Codeseda Viva

Cartel dos premios Abadesa Mariana outorgados pola Asociación Codeseda Viva

Cartel dos premios Abadesa Mariana outorgados pola Asociación Codeseda Viva / Cedida

O Museo da Madeira e Moble (MOME) da Estrada será a sede este sábado día 5 de abril dun foro, organizado pola Asociación Codeseda Viva, sobre a historia dos diferentes camiños de Santiago.

Este ciclo de palestras desenvolverase de 16:30 a 19:00 horas e será de entrada libre e gratuita para todos os interesados ata que se complete o aforo, estimado en aproximadamente unhas oitenta persoas.

Haberá un total de seis ponentes, con diferentes relatorios. Entre eles, está Manuel Rocha, que falará sobre o Camiño da Costa como unha peregrinación “aberta ao mar”; Celestino Lores, que abordará as particularidades do Camiño Portugués; ou Carlos Henrique Fernández Coto, que se centrará no patrimonio que une Portugal e Galicia.

O resto de ponentes serán Andrés Sampedro, que comentará a ruta de Ignacio Taverneiro; Daniel Antelo, quen tocará o tema do Camiño de Inverno e o Sanabrés, que atravesan a comarca de Deza; e o escritor portugués Luís Ferreira, quen repasará o camiño da Geira e o dos arrieiros e a influencia que teñen na súa obra.

Ao remate destas diferentes intervencións será o turno da entrega dos premios Abadesa Mariana 2025, outorgados pola Asociación Codeseda Viva ás persoas ou colectivos que colaboran con ela no desenvolvemento ou promoción das súas iniciativas.

Desta volta, os galardoados serán o propio Luís Ferreira, a hostaleira estradense Mari Carmen Gaspar e a asociación local A Fervenza de Ouzande.

Os premios levan o nome da que fora a primeira abadesa do desaparecido mosteiro medieval de Codeseda e consisten nunhas táboas de madeira de castiñeiro talladas cunha cruz e dúas cunchas de vieira a modo de copia do gravado que permanece nun dos perpiaños restantes da antiga edificación.

Tracking Pixel Contents