O PSdeG levará ao Parlamento a falta de pediatra en Cacheiras
O grupo socialista inquirirá ao conselleiro de Sanidade por esta cuestión que se prolonga dende hai máis dun ano

Exterior do centro de saúde de Cacheiras, no Concello de Teo / Google Maps
O grupo do PSdeG no Parlamento de Galicia levará ao Lexislativo a situación que se dá actualmente no centro de saúde de Cacheiras, onde, por mor da baixa do titular da praza de pediatría, non se está a prestar este servizo de forma regular dende hai máis dun ano.
A deputada Patricia Iglesias compareceu este mércores en rolda da prensa, acompañada da voceira socialista en Teo, Mayte Argibay, para dar conta deste asunto; que, na súa opinión, deixa nunha “situación de precarización absoluta” a atención prestada á infancia neste centro sanitario.
A alternativa actual, explicou Iglesias, consiste en levar aos cativos e cativas a outros consultorios teenses, coma o de Calo ou o dos Tilos, mais non sempre é posible porque os cupos dos pediatras destes centros tamén están completos. Na práctica, isto supón que sexan habituais as esperas de ata dez días para ter unha cita co especialista.
Ante esta situación, engadiu a parlamentaria do PSdeG, son moitas as familias que optan por acudiren ás consultas das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o cal acaba favorecendo a sobrecarga deste servizo.
Na súa comparecencia, Iglesias afirmou que “o Goberno galego está mirando para outro lado coa situación da sanidade pública” e insistiu en que o centro de Cacheiras debe contar canto antes cunha “cobertura permanente” de pediatra; posto que é unha zona que “realmente está crecendo” e require servizos acordes á súa dimensión.
Por este motivo, esixirán que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, responda sobre este asunto en sede parlamentaria.
Pola súa parte, Mayte Argibay comentou que a situación actual está a ocasionar “moito desamparo e inquedanzas ás familias” de Cacheiras, un dos principais núcleos de poboación do Concello de Teo.
“Faltan anos para que se cree o novo centro de saúde”, advertiu a edila socialista, que insistiu en que as familias “non poden esperar máis” e precisan dunha solución, a creación dunha nova praza de pediatría, mentres estas instalacións non se convirten en realidade.
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Vientos huracanados, lluvias persistentes y descenso de la cota de nieve: el temporal sacude a Galicia esta semana
- Santiago encara un nuevo día sin autobuses urbanos en pleno temporal: los piquetes impiden salir a los servicios mínimos
- Cierra A Gata Tola, mítica librería de cómic en Santiago
- Galicia protege a la última pareja que cría en la península de un singular pájaro
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- No es spam: todo lo que debes saber del mensaje masivo del Sergas y el virus respiratorio sincitial
- Santiago contará con dous novos radares: un estable no Restollal e un novo no túnel do Hórreo
