Ames e a Xunta estudan como mellorar a liña de bus de Bertamiráns a Santiago
As dúas institucións abordaron coa empresa concesionaria o estado do servizo de interese municipal a través das parroquias de Bugallido, Biduído e Ortoño para adaptalo ás necesidades

Marquesiña dunha parada de transporte público no concello de Ames / Cedida
A extinción da antiga liña P2 de autobús urbano de Santiago de Compostela deixou as parroquias amesás de Biduído, Bugallido e Ortoño orfas dunha conexión de transporte público eficiente coa capital galega. Coa fin de paliar esta situación, a Xunta de Galicia e o Concello de Ames acordaron no 2022 a creación dun novo servizo de interese municipal (SIMU), que agora ambas as dúas institucións buscan como perfeccionar de cara a prestaren un mellor servizo.
Así, a directora xeral de Mobilidade do Executivo autonómico, Judit Fontela; o alcalde de Ames, Blas García; e o presidente da empresa concesionaria participaron onte nun encontro a tres bandas para estudar o estado desta liña e abordar posibles melloras.
García propuxo que o convenio inclúa novas paradas en lugares de interese de Compostela, como o Hospital Clínico ou o Campus Sur da USC, así como nos lugares de Fraiz e A Moniña, na parroquia de Biduído, á vez que defendeu que se deben resolver as «numerosas incidencias» trasladadas por parte da veciñanza que motivaron esta reunión e evitar «duplicidades» coa liña de autobús provinte da localidade de Extramundi (Padrón).
Porén, os datos do estudo de seguimento elaborado pola Xunta de Galicia a respecto deste SIMU indican que a adxudicataria cumpriu adecuadamente co 99% dos servizos programados nos últimos catorce meses, o período de referencia deste informe.
Nese documento tamén se constata que catro de cada cinco autobuses foron puntuais e que só o 7% se moveu fóra das marxes horarias fixadas no contrato.
Ademais, dende a Administración autonómica apuntaron que a demanda da liña é escasa, posto que apenas rexistrou 4.100 usuarios no tempo que foi sometida a análise, cunha media de 1,3 viaxeiros en cada servizo. Este SIMU parte da rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns e, dende alí, atravesa as parroquias de Ortoño, Biduído e Bugallido ata chegar á estación intermodal de Santiago, cunha frecuencia de catorce servizos diarios de luns a sábado e de doce os domingos. Os usuarios da liña teñen acceso ás mesmas bonificacións que o resto de viaxeiros do transporte metropolitano operado pola Xunta.
Como resultado da xuntanza de onte, o Goberno galego comprométese a estudar as achegas que poida facer o Executivo municipal, que asegurou que trasladará proximamente unha proposta de mellora do servizo á administración responsable.
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Urovesa entregará en 2026 los primeros prototipos del blindado VERT destinados al Ejército
- Entra en vigor el encierro de aves de corral en 40 concellos por la gripe aviar
- Santiago calienta motores para el 'As Cancelas Music Fest' con Nena Daconte, Cepeda, Ortiga y Menta Poleo
- Vuelca un coche en la AG-56 a la salida de la autopista en Santiago
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre
- Mil docentes de colegios e institutos dejan las aulas gallegas este año
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
