Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Apego á tradición e ás creacións locais nas Feiras do Abril de Val do Dubra

Bembibre acolle unha edición máis desta cita que dende hai xa décadas une artesanía e gastronomía | Grande expectación polo desfile de ourivaría con pezas feitas pola veciñanza

Actuación do grupo Regueifa de música e baile tradicionais na inauguración das Feiras do Abril.  | | C.

Actuación do grupo Regueifa de música e baile tradicionais na inauguración das Feiras do Abril. | | C.

REDACCIÓN

Val do Dubra

O aparcadoiro de San Lourenzo de Bembibre volveu ser onte sede das xa tradicionais Feiras do Abril de Val do Dubra, que novamente encheron a vila con produtos de artesanía e gastronomía locais que espertaron a atención dos centos de asistentes á cita.

Dende primeira hora da mañá estivo operativo o mercado de artesanía impulsado coa axuda da Deputación da Coruña, que serviu de epicentro das actividades dunhas feiras cuxa inauguración oficial chegou a mediodía cun acto oficial no que estivo presente, ademais de membros da corporación municipal e doutros concellos da contorna coma A Baña, Tordoia ou Negreira, a subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas.

O alcalde dubrés, Diego Luis Díaz Méndez, foi o anfitrión dunha xornada pensada para homenaxear a tradición e o produto local de Val do Dubra, con actuacións coma a do grupo Regueifa, que serviu para pór en valor o patrimonio oral e musical galego.

A continuación, tivo lugar unha demostración de produtos gastronómicos co cociñeiro José Manuel Mallón, iniciativa do grupo de desenvolvemento rural de Terras de Compostela; e tamén unha degustación gastronómica con especial protagonismo para a vaca cachena e o tradicional pan de Val do Dubra.

Xa durante a tarde, despois do obradoiro de estampaxe Amor ó teu e da demostración de cestaría a cargo de Luís do Río, chegou o momento máis agardado do día: o desfile de xoiaría e cestaría con obras que serviron de mostra do talento local e da creatividade da veciñanza dubresa. As creacións expostas foron resultado do traballo desenvolvido no marco do obradoiro de ourivaría coordinado por Susi Gesto coa colaboración de Artesanía de Galicia.

Un concorrido evento ao que puxo o broche o «tardeo» coa Orquestra Panamá e a disco móbil MG, que se prolongou ata entrada a noite.

Dous días máis de actividade

As celebracións das Feiras do Abril prosiguen este domingo cunha nova xornada do mercado de artesanía e cunha maior atención á natureza e á posta en valor do mundo agrario e apícola. Así, durante a mañá haberá exposicións de gando, demostracións de cestaría e mesmo unha ruta cabalar para a que xa están as prazas completas. Completarán a programación matinal un simulacro de Protección Civil e unha sesión vermú amenizada polo Trío Alborada a partir das 13.00 horas.

Pola tarde haberá un faladoiro de apicultura impartido por Alfonso Priegue, e a exhibición de cans de agility programada para as 17.30 horas porá o peche ao día na área recreativa de Bembibre. Xa o luns será o día dunha nova Festa da Empanada, que despedirá con este prato típico unha nova e exitosa edición das Feiras do Abril.

TEMAS

Tracking Pixel Contents