O alcalde da Baña pide a dimisión do seu antecesor pola desaparición de 5 teléfonos móbiles
Concello e Fiscalía piden xuízo oral para García Cardeso, que insiste na súa inocencia

Votación da ordenanza que regula as prestacións de emerxencia social no pleno celebrado este xoves na Baña / CEDIDA

O alcalde da Baña, o socialista José Antonio Pereira, pide a dimisión do seu antecesor no cargo e actual voceiro municipal do PP, José Andrés García Cardeso, acusado dun delito de malversación de caudais públicos pola desaparición de cinco teléfonos móbiles polos que o Concello pagou no seu día 6.585 euros.
O Concello da Baña pagou no seu día 6.585 euros polos cinco teléfonos agora extraviados
No pleno celebrado este xoves, Pereira, que exerce tamén como portavoz do grupo socialista, lembrou que tanto a Fiscalía como o Concello solicitaron a apertura de xuízo oral no xulgado do penal. O rexedor recordou que, tralas investigacións levadas a cabo pola Garda Civil e polo xulgado de Negreira, «o xuíz atopa serios indicios dun delito de apropiación indebida e malversación de caudais públicos» cometidos por García Cardeso e por outra persoa da que non se facilitou a identidade. «Son cartos municipais, hai que dirimir responsabilidades», subliñou Pereira en declaracións a este diario.
O alcalde da Baña entende que García Cardeso debera apartarse da vida municipal ata que se celebre o xuízo e haxa sentenza, como, lembra, aconteceu no seu momento noutros concellos.
En resposta, García Cardeso asegurou na sesión plenaria que os móbiles están nas dependencias municipais e que foron utilizados por persoal do Concello, ao tempo que asegurou que no xulgado se demostrará a súa inocencia. «Podedes pedir a dimisión e o que queirades. O que pon no auto non é certo. Hai que esperar acontecementos, dirimirase todo no xulgado», afirmou.
Ordenanza de emerxencia social
Por outra banda, na sesión de onte a corporación da Baña aprobou inicialmente e por unanimidade a ordenanza que regula as prestacións de emerxencia social para atender urxencias da veciñanza en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.
Estas prestacións estarán destinadas a cubrir necesidades básicas como alimentación, gastos sanitarios ou os custos de mantemento da vivenda.
Outro asunto aprobado por unanimidade foi o rexeitamente ao proxecto de instalación dun vertedoiro de residuos na canteira Pedra Facha, en Val do Dubra.
Noutra orde de cousas o pleno acordou modificar un artigo da ordenanza reguladora do uso das áreas recreativas. No caso de Agra de Chans, mantense a fianza de 50 euros que deberán depositar as persoas que soliciten o seu uso. A partir de agora, as persoas non empadroadas deberán pagar 50 euros por usar a área recreativa.


