Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O bo tempo anima a Festa da Merenda de Aiazo, en Frades

A chuvia deu unha tregua e fixo da edición número 18 da celebración unha das máis multitudinarias da súa historia

A Festa da Merenda de Aiazo contou este ano con máis cociñeiros e cociñeiras

A Festa da Merenda de Aiazo contou este ano con máis cociñeiros e cociñeiras / CEDIDA

Frades

As pésimas previsións meteorolóxicas non se cumpriron e milleiros de personas, segundo a organización, puideron gozar finalmente da Festa da Merenda de Aiazo, en Frades.

Foi nunha das edicións máis concorridas da súa historia, 18 anos despois do que xurdiu inicialmente como unha homenaxe a un produto dos tempos da fame durante a posguerra e que hoxe en día é unha das festas que máis mocidade reúne na comarca.

A festa celebrou a súa maioría de idade cunha das edicións máis concorridas da súa historia

A festa celebrou a súa maioría de idade cunha das edicións máis concorridas da súa historia / CEDIDA

Malia ao que apuntaba o prognóstico meteorolóxico, que auguraba fortes choivas tanto na véspera como na propia xornada festsiva, finalmente só choveu o sábado, pero de maneira tan leve que non afectou nin aos accesos á festa nin ás áreas de aparcamento previstas pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, organizadora da festa en colaboración o Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, dentro do proxecto Nantronte.

A gran novidade deste ano estivo nos fogóns, cun importante aumento no número de cociñeiras e, sobre todo, cociñeiros. Este ano media ducia de veciños puxeron o mandil e comezaron a servir merendas xunto as súas compañeiras e un bo feixe de axudantes. A base das merendas era común para todos: ovos, auga e fariña, pero despois cada chef deulle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou o seu acompañamento (con ou sen torriscos).

A Festa da Merenda de Aiazo é unha das máis multitudinarias da comarca

A Festa da Merenda de Aiazo é unha das máis multitudinarias da comarca / CEDIDA

A música correu a cargo da orquestra París de Noia, o Grupo Unión y Fuerza e a Charanga BB+.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou a todas as persoas da asociación polo seu excelente traballo ao longo destes dezaoito anos que permitiron que “hoxe poidamos presumir en Frades de contar cunha das grandes citas gastronómicas e de lecer que se fan en Galicia, grazas a un produto tradicional e ao cariño co que o elaboran estas cociñeiras”.

Tracking Pixel Contents