Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames abre dous aparcamentos para trescentos vehículos en Bertamiráns

Están ubicados na Travesía da Peregrina e na rúa do Cómaro, e o Concello xa pechou un acordo que vai permitir habilitar en breve outro no Milladoiro

Imaxe dun dos aparcadoiros habilitados na localidade de Bertamiráns.

Imaxe dun dos aparcadoiros habilitados na localidade de Bertamiráns. / Cedida

Redacción

Ames

O Concello de Ames acondicionou en Bertamiráns dúas novas áreas de aparcamento situadas na Travesía da Peregrina, antes do cruce coa avenida de José Luis Azcárraga, e na rúa do Cómaro, fronte ao centro deportivo da Telleira. Deste xeito, habilítanse dous novos aparcadoiros públicos e gratuítos que teñen capacidade para uns 300 vehículos.

Ademais, existe un acordo cun propietario do Milladoiro para habilitar unha nova área de aparcamento nesta localidade, que tamén contará con 300 prazas.

«Con estes dous novos aparcadoiros amplíase de xeito considerable o número de prazas de estacionamento na localidade de Bertamiráns», explican dende o Executivo municipal amesán.

Dende a xornada deste luns 14, ditos aparcadoiros xa están operativos e pódese estacionar neles.

Os traballos realizados consistiron en limpar as parcelas, achanzar o terreo, tapar as fochancas existentes e estender unha capa de grava.

Estes novos aparcadoiros únense ao xa existentes en Bertamiráns: o que está ao carón do centro comercial Carrefour, na rúa Pesqueiras; os dous que están ao carón da rúa Alcalde Lorenzo; próximo á rúa Xunqueira; e o aparcadoiro público que está situado na rúa Lodeiro.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca que «todas as fincas que se acondicionan para as áreas de aparcamento son de titularidade privada, o que supón procesos de negociación cos propietarios que, ás veces, poden ser longos, pero os acordos e negociacións son parte do traballo en política».

«Agora abrimos estas dúas novas áreas de estacionamento en Bertamiráns e, a falta de asinar o acordo, proximamente habilitarase tamén unha no Milladoiro con outras trescentas prazas», engade o concelleiro.

Novo estacionamento

O Concello de Ames xa ten un acordo pechado co propietario dun terreo desa localidade para habilitar unha nova área. Neste caso só falta a tramitación administrativa do acordo para dispor deste novo aparcadoiro, que contará cunhas 300 prazas.

Moitos residentes en Bertamiráns e Milladoiro traballan ou estudan en Santiago de Compostela e non poden ceñirse aos horarios de autobús. Por iso, o Executivo local de Ames aposta por habilitar aparcamentos nas dúas principais urbes do municipio. 

Tracking Pixel Contents