Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Acordo para pedir unha base aduaneira en Costa da Morte

A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade no Parlamento

Labores de remolque do narcosubmarino localizado na ría de Camariñas

Labores de remolque do narcosubmarino localizado na ría de Camariñas / Guardia Civil

Camariñas

Os tres grupos políticos representados no Parlamento apoiaron unanimemente a proposta do BNG para instar ao Estado a establecer unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte.

O deputado do BNG, Óscar Insua, recordou que tanto o PSOE, con 28 anos de goberno, como o PP, con 15, «ignoraron sistematicamente a dotación dunha base marítima na Costa da Morte». Os nacionalistas xa rexistraron en febreiro unha iniciativa similar no Congreso dos Deputados.

Insua subliñou que a Costa da Morte é unha das zonas máis vulnerables ao narcotráfico, como demostra a recente aparición dun narcosubmarino na ría de Camariñas. «As costas galegas están desprotexidas, e os narcos aproveitan os tempos adversos e as festas para introducir droga», alertou. Advertiu tamén da «alarmante» situación do servizo, sinalando «que conta cunha flota desmantelada e infraestruturas inoperativas, como as bases de Ribadeo e Muros».

«Non podemos esperar outros 35 anos nin outro narcosubmarino para actuar», afirmou Insua. Ademais, reivindicou un «Servizo Galego de Vixilancia Aduaneira» con medios propios e coñecemento do territorio.

O BNG exixe ao goberno estatal as accións inmediatas para dotar o Servizo de Vixilancia Aduaneira de medios adecuados e establecer unha base na Costa da Morte, «poñendo fin a décadas de abandono e garantindo a seguridade das costas galegas».

Pola súa banda, a deputada camariñana do PP Paula Mouzo subliñou que apoian a proposta, pero sinalou que a iniciativa do BNG «non é todo o ambiciosa que debería para atender as demandas dos traballadores deste servizo para atallar un verdadeiro problema social».

Sinalou que urxe facer unha revisión integral dos medios persoais e materiais que hai para loitar contra o narcotráfico. «Se todos coincidimos que temos medios obsoletos, teremos que pedir a modernización e o reforzo dos medios materiais e tecnolóxicos para atallar un verdeiro problema social», afirmou. 

Tracking Pixel Contents