Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Asociacións e sindicatos urxen frear o viñedo industrial no val da Ulla

Alertan sobre o impacto que xeran as plantacións masivas como a proxectada por Martín Códax en Vedra polo uso de pesticidas, as talas masivas ou a ameaza para as adegas locais

Viñedos en Boqueixón coa ponte de Gundián ao fondo

Viñedos en Boqueixón coa ponte de Gundián ao fondo / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Vedra

«Tardamos en decatarnos do que estaba sucedendo e agora a sensación é que nos comen», lamenta Paulo Rubido, veciño de Vedra e voceiro da Asociación Defensa da Ulla, unha das entidades que está alzando a voz contra a expansión do viñedo industrial na comarca natural que forman os concellos de Boqueixón, Vedra, A Estrada e Teo a ambos lados do río Ulla.

Preocupados polo «impacto»

Denuncian que o cultivo de viñedos en intensivo que se está estendendo pola zona ten un importante impacto na saúde, a biodiversidade, a paisaxe e a economía local. «Hai empresas que están fumigando cada cinco días», sostén Rubido sobre o uso de herbicidas e pesticidas nas plantacións de albariño, que, asegura, «cada vez se achegan máis ás casas».

A esto se sumarían, engade, o impacto paisaxístico causado polas «talas masivas» de monte e de especies autóctonas e a «ameaza» que estas empresas supoñen para as adegas e os viticultores locais, que poderían ver comprometida a súa actividade.

En particular, a Asociación Defensa da Ulla Verde, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Sí a un rural vivo rexeitan o proxecto da Adega Martín Códax de implantar novos viñedos en tres parcelas do Concello de Vedra situadas en Trobe, San Pedro de Sarandón e Ponte Ulla, que en total superarían as 18 hectáreas de extensión. Segundo explican, a empresa ten solicitado o cambio de uso das parcelas e a proposta de avaliación de impacto ambiental simplificada está en fase de exposición pública e consulta.

«Pedimos simplemente poñer límites»

«Unha cousa é que exista unha actividade económica. A iso non nos opoñemos. Pero ten que ser compatible coa vida que sempre tivemos aquí. O que pedimos simplemente é poñer límites», sinala Rubido.

As organizacións que se opoñen á extensión do viñedo industrial na zona teñen previsto convocar asembleas informativas en datas próximas para que a veciñanza poida presentar alegacións a estes proxectos. «É algo que nos afecta como veciños e estámonos organizando para defender o noso modo de vida», conclúe.

Tracking Pixel Contents