SOLIDARIEDADE
De Carballo a Malawi para axudar ás estudantes dunha residencia
A Asociación Operación Pangono doou un minibús para facilitar os seus desprazamentos

Ricardo Baamande, terceiro pola dereita, no acto de entrega do minibús en Malawi / Cedida
Voluntarios e voluntarias da Asociación Operación Pangono Pangono desprazáronse esta semana dende Carballo a Malawi (África) para facer a entrega oficial da MiniVan_Area49, un minibús destinado á residencia de mozas estudantes Amai Maria, situada en Lilongwe, capital do pequeno país africano.

Mozas da residencia celebrando a recepción do minibús á residencia Amai María / Cedida
O minibus foi adquirido grazas ao proxecto #MiniVan_Area49, que recolle o nome do barrio onde se atopa a residencia de estudantes. «Vai permitir que as mozas estudantes da residencia Amai María poidan desprazarse cada día aos seus centros de estudos repartidos pola capital do país», afirma Ricardo Baamonde, veciño de Malpica e presidente da Asociación Operación Pangono Pangono. Un medio que, engade, permitirá a estas estudantes dispoñer dun medio de transporte propio.
Esta acción solidaria é o froito do esforzo e a colaboración de varias empresas e persoas da comarca de Bergantiños que fixeron posible a consecución deste proxecto. Nómadas Motorhome, con sede en Carballo, é a principal patrocinadora do proxecto, mentres que a empresa pontecesana Axuste Gráfico, encargouse da rotulación do minibús.
E a promotora do proxecto, a Asociación Operación Pangono Pangono foi quen se encargou de facer a entrega da MiniVan ás Misioneiras de María Mediadora, administradoras da xestión da residencia.
O minibús vai permitir ademais ás misioneiras o desprazamento entre as distintas instalacións das que dispoñen repartidas por Malawi, xa que ademais da residencia de estudantes, as misioneiras administran dous hospitais rurais e un orfanato.
Rutas Nómadas Solidarias
Oproxecto púxose en marcha hai un ano, logo de que Lucía Figueiras e Jesús García, xerentes de Nómadas Motorhome, promovesen nos anos 2017 e 2018 as Rutas Nómadas Solidarias, coas que recadaron fondos para dotar de instalacións fotovoltaicas e bombeos solares a varios hospitais, orfanatos e residencias de estudantes.
Entrega de ordenadores
Os voluntarios e voluntarias da Operación Pangono Pangono (que toma o nome da expresión «pouco a pouco» en chichewa, lingua oficial de Malawi,xunto co inglés), aproveitaron o desprazamento ao país africano para facer tamén entrega de varios ordenadores adquiridos grazas ás achegas de membros e simpatizantes da asociación por medio dun crowdfunding posto en marcha unhas semanas atrás.
Durante a semana de estadía no país realizaron tamén varios mantementos nas instalacións eléctricas fotovoltaicas instaladas en anteriores visitas ao país. «Comprobamos que en moitas destas instalacións é preciso a substitución de varias ou de todas as baterías debido aos continuos cortes na subministración eléctrica que provocan o seu rápido deterioro», subliña Ricardo Baamonde.
Deficiente submistro eléctrico
Constataron asemade que, «lamentablemente, a situación económica e social do país tampouco mellorou nos últimos anos e que seguen a ser continuos os cortes na subministración eléctrica polo que os equipamentos solares fotovoltaicos continúan a ser imprescindibles nas escolas, hospitais e residencias onde se atopan instalados», subliña.
A comitiva desprazada a Malawi emprenderá este domingo o camiño de regreso a Galicia coa satisfacción de poder axudar a quenes máis o precisan e coa intención de seguir colaborando no futuro.
Un colectivo de profesionais de perfil técnico
A Asociación Operación Pangono Pangono está formada por un grupo de profesionais de perfil técnico (enxeñeiros, frigoristas, electricistas…) que decidiron aportar o seu gran de area «para mellorar un pouco a vida dos que menos teñen», subliñan. Moitos deles adícanse á docencia como profesores de Formación Profesional.
«Non somos unha ONG. Simplemente tratamos de cambiar un pouco o mundo no que vivimos realizando os traballos que sabemos facer», afirman. A escolla das necesidades de actuación deixánlla «aos que mellor as coñecen, aos que levan anos traballando para reducir as desigualdades sociais e a pobreza».
- Santiago empieza a sancionar con hasta 30.000 euros a los dueños de pisos turísticos ilegales
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Galicia triunfa en Netflix: una serie rodada en la comunidad es la más vista del último año... y no es 'Animal'
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- La carrera por el Rectorado de la USC se decidirá entre Crujeiras y Flores
- Tres locales de Santiago donde todavía puedes tomar café desde 1,20 euros

