Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames promove os hábitos saudables e o deporte na IV Feira da Saúde e Benestar

Blas García destacou que o Concello é "un referente na promoción da saúde"

Pola esquerda, Alberto Viaño, Susana Señorís, Blas García e Rosana Martínez

Pola esquerda, Alberto Viaño, Susana Señorís, Blas García e Rosana Martínez / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ames

O Concello de Ames, e en particular a praza da Maía de Bertamiráns, volverán convertirse este sábado, por cuarto ano, no epicentro da promoción da saúde coa celebración da Feira de Promoción da Saúde, que nesta ocasión centrarase nos hábitos saudables e na súa conexión coa alimentación, o deporte e o benestar emocional.

Así o anunciaron este mércores o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís; a técnica municipal de Promoción da Saúde, Rosana Martínez; e o técnico de Deportes, Alberto Viaño; na presentación da mesma.

"Un dos obxectivos deste mandato era que a mesma persoa xestionase as áreas de promoción da saúde e deporte porque non se pode ter unha vida saudable sen facer deporte", destacou Blas García, que engadiu que este é un obxectivo "cumprido" xa que Ames "é un referente na promoción da saúde, porque neste eido está facendo un traballo moi importante". Ademais, o rexedor tamén incidiu no apartado da saúde mental, onde "somos pioneiros co plan posto en marcha o ano pasado e somos referentes para moitos concellos".

Alberto Viaño, Susana Señorís, Blas García e Rosana Martínez na presentación da IV Feira da Saúde e Benestar de Ames

Alberto Viaño, Susana Señorís, Blas García e Rosana Martínez na presentación da IV Feira da Saúde e Benestar de Ames / Cedida

Pola súa banda, a concelleira incidiu en que esta edición está centrada nos hábitos saudables, "enlazando esta temática coa alimentación, o deporte e o benestar emocional". Un aspecto que, segundo Susana Señorís, é impulsado polo Concello "diariamente a través das escolas deportivas municipais e con eventos e probas deportivas co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e a vida saudable".

Da importancia de unir a alimentación, o deporte e o benestar emocional tamén falou a técnica de Promoción de Saúde, que destacou que é un aspecto "fundamental prestar un servizo á veciñanza que xunte estes tres eixos e non traballalos de forma individual".

Doce asociacións, doce 'stands'

Ao longo de toda a xornada do sábado, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, doce asociacións (ALCER, ANEDIA, ACEM, AECC, Alcohólicos Anónimos, ASANOG, AEPPNA, AGADEA, Dano cerebral, Fonte da Virxe, QuerENDO e Andade) instalarán sendos stands nos que proporcionar información sobre a súa labor. Ademais, como novidade este ano, o Concello de Ames instalará tamén un posto "no que se vai a difundir e darlle visibilidade a todas as actividades que organizamos no departamento de Promoción da Saúde".

A cuarta edición da Feira completarase cunha extensa programación durante toda a xornada. Haberá un curso de ioga impartido por India&Tai (11.15 horas); unha charla na Casa dos Maiores sobre as etiquetas alimentarias a cargo da dietista, nutricionista e xerontóloga, Áurea Casáis Martínez (12.45 horas); unha andaina polo Regos dos Pasos (17.30 horas); un faladoiro sobre a alimentación e o deporte como canalizadores das emocións coa psicóloga Belén Montesa (18.00 horas); e unha sesión de taichi a cargo de India&Tai (19.00 horas).

Tracking Pixel Contents