Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O pleno de Ames aborda este mércores o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que terá un prezo de 22,65 € por hora

Someterase a aprobación definitiva a modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas

Salón de plenos do Concello de Ames.

Salón de plenos do Concello de Ames. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Ames

A Corporación municipal de Ames celebrará este mércores, día 30, o pleno ordinario correspondente ao mes de abril, no que se debaterán a resolución e a adxudicación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar.

O alcalde, Blas García, dará conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación, darase conta do plan orzamentario a medio prazo correspondente ao período 2026-2028 do Concello de Ames, atendendo ás directrices relativas á fixación das proxeccións e cumprimento dos requisitos que se establecen na normativa de aplicación.

O primeiro tema de debate será a excepcionalidade dos límites cuantitativos fixados no artigo 174.3 do TRLRFL aos investimentos de carácter plurianual previstos no proxecto Ames Digital Water.

O pasado 15 de outubro de 2024 concedéuselle ao Concello unha subvención de conformidade coa Orde TED/934/2022, de 23 de setembro, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas por concorrencia competitiva para a elaboración de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga e a primeira convocatoria de subvencións de 2022, en concorrencia competitiva de proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga (PERTE dixitalización do ciclo da auga), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.  

O importe do proxecto ascende a 1.356.375,49 euros, dos cales 1.131.309,77 euros son sufragados a través da subvención concedida. O 11 de decembro de 2024 comunícase un reaxuste das anualidades do proxecto. O Concello está iniciando a tramitación de distintos procedementos relativos a investimentos que estenden os seus efectos ao exercicio 2026 e polo tanto teñen carácter plurianual.

Outro dos puntos que se abordará será a ratificación do decreto da Alcaldía sobre a subsanación de deficiencias do proxecto das obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada (Covas) POS+ 2025.

O pasado 17 de febreiro de 2025 o Concello recibiu comunicación dos servizos técnicos da Deputación da Coruña indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico. Ditas correccións foron aprobadas polo decreto 886/2025, do 27 de marzo. As correccións aprobadas polo decreto indicado non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades nin no seu importe de execución.

De seguido, abordarase a ratificación dos decretos de Alcaldía de personificación e defensa no procedemento abreviado 80/2025, tramitado no Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela. Trátase dun recurso contencioso-administrativo que se tramita a instancias dunha traballadora municipal debido á décimo segunda modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames.  

Regulamento

O pleno tamén debaterá a aprobación definitiva da modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Na sesión plenaria do 30 de xaneiro de 2025 prestouse aprobación inicial á modificación de dito regulamento, que foi sometida a información pública por prazo de trinta días hábiles, a efecto de exame e reclamacións, mediante anuncio no BOP, taboleiro de anuncios e Portal de transparencia. O prazo de exposición pública comprendeu dende o 7 de febreiro de 2025 ata o día 20 de marzo de 2025, ambos inclusive. 

Durante o prazo de exposición pública consta a presentación dunha alegación, subscrita pola ANPA Agro do Muíño do 6 de marzo, que foi desestimada de xeito íntegro por parte da técnica de Educación.

No expediente tamén consta un informe da Secretaría municipal propoñendo a desestimación íntegra da alegación presentada pola ANPA Agro do Muíño e a aprobación definitiva de forma expresa da modificación do regulamento aprobado inicialmente en sesión do 30 de xaneiro de 2025.

Servizo de Axuda no Fogar

Por outra banda, abordarase a resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) entre a empresa Osventos Innovación en Servizos S.L. e o Concello de Ames, tras o incumprimento dunha serie de obrigas contractuais esenciais ao longo da duración do actual contrato.

De seguido, abordarase a adxudicación do novo contrato do SAF á empresa clasificada en primeiro lugar pola Xunta de Goberno Local do pasado 13 de marzo das ofertas presentadas polas diferentes empresas. A empresa proposta para a adxudicar o novo contrato é Atende Care S.L.

A duración do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo o período inicial e mailas prórrogas). O importe de adxudicación por dous anos de contrato ascende a 2.992.993,66 euros (IVE incluído). O prezo do servizo por hora (IVE incluído) ascende a 22,65 euros.

Consello Sectorial da Xuventude

Outro dos puntos que se abordarán no pleno deste mércores será a aprobación inicial do regulamento do Consello Sectorial da Xuventude do Concello de Ames. No pleno do 28 de novembro de 2024 acordouse a creación do Consello Sectorial da Xuventude ao abeiro do previsto no artigo 25 do Regulamento orgánico de participación cidadá do Concello de Ames.

O artigo 26 do ROM establece que, unha vez constituído, cada consello sectorial elaborará o seu regulamento interno de funcionamento que será aprobado polo pleno do Concello de Ames. A través do decreto da Alcaldía de Ames 116/2025, ten lugar a constitución formal do Consello Sectorial da Xuventude, que celebra sesión constitutiva o 29 de xaneiro de 2025. Posteriormente, o 12 de febreiro de 2025 ten lugar a segunda sesión, onde se presta aprobación ao seu regulamento de funcionamento.

Programa Xantar na casa

Outro dos temas a debater é a aprobación da primeira modificación do convenio asinado entre o Consorcio Galego de Servizos e Igualdade e Benestar e o Concello de Ames para o desenvolvemento do programa Xantar na casa, asinado no ano 2024, e que afecta á cláusula terceira do convenio aumentando o número máximo de persoas beneficiaras, que pasa a ser de 45.

Esta modificación formalizarase a través dunha addenda. Tamén hai que autorizar e dispoñer dun importe adicional de 13.793,85 euros. Este incremento refírese aos exercicios 2026-2028, tendo en conta que o crédito consignado para 2025 será suficiente.

Asociación Ames Solar

Por outra banda, debaterase a aprobación para a participación do Concello de Ames, en calidade de persoa socia, na Asociación Ames Solar, que se constituirá baixo a fórmula xurídica dunha asociación sen ánimo de lucro e conforme ao establecido nos seus estatutos e na normativa vixente.

O Instituto de Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico concedeulle ao Concello unha subvención para a creación dunha Oficina de Transformación Comunitaria (OTC). A finalidade da OTC para a que se obtivo subvención é a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas. O Concello de Ames, no marco estratéxico da Axenda Urbana 2030 de Ames, recollía unha acción específica relativa á creación de comunidades enerxéticas locais.

Froito do traballo conxunto da OTC de Ames cos veciños e veciñas de diferentes parroquias e co propio concello acordouse a constitución dunha comunidade enerxética sendo elaborados, de forma colectiva e participada, o borrador de estatutos da referida asociación que adoptará a forma de asociación sen ánimo de lucro coa denominación de Asociación Ames Solar. 

Servizo de atención temperá

Ademais, tamén se abordará a modificación do regulamento das condicións da prestación do servizo de atención temperá dos concellos de Ames e Teo. Os cambios propostos foron aprobados na comisión mixta da agrupación de concellos Teo e Ames na súa reunión 10 de decembro de 2024.

No caco de ser aprobado someterase dita aprobación inicial a información pública, por prazo de 30 días hábiles, a efectos de exame e reclamacións mediante publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

Declaración institucional e mocións

Ademais, abordaranse unha declaración institucional do PSOE para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR Sisalde e a mellora da rede de colectores; unha moción do PP relativa á mellora da seguridade viaria en diversas vías do municipio; e outra moción do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Tracking Pixel Contents