Vedra chama a "mover os marcos" coa Mostra de Arquitectura Rural
A Casa de Fuente de Meire acolleu onte a presentación do festival, que terá lugar entre os días 9 e 11 de maio
Contará con charlas, actuacións, exposicións, obradoiros e concertos

Presentación do proxecto M.A.R.C.O. en Vedra / Jesús Prieto

Falar de mover os marcos en Galicia non é algo de bo gusto e soe ser motivo de disputa, pero en Vedra dende este mércores xa conta cunha nova dimensión. A Casa de Fuente de Meire acolleu a presentación da primeira edición do festival M.A.R.C.O. (Mostra de Arquitectura Rural), que se vai celebrar a vindeira fin de semana, entre o 9 e o 11 de maio, e cuxo obxectivo principal , como detallou César García Piñeiro, coordinador da iniciativa, é precisamente "mover os marcos" e "romper a barreira que hai entre a arquitectura e a sociedade". A través de diversas actividades como charlas, actuacións, exposicións, obradoiros ou concertos en diversos emplazamentos da localidade achegarán a arquitectura á xente e, á vez, porán en valor o rural.
O propio García Piñeiro foi o encargado de abrir o acto, relatando a orixe deste proxecto, que cualificou como «unha desas ideas felices que che veñen á cabeza e que acaban collendo forma». M.A.R.C.O. naceu ao abeiro dunha convocatoria de axudas do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para iniciativas de promoción culturais da arquitectura, sendo este o «detonante» para sentar de verdade a proposta.
Se hai algo que destaca especialmente no proxecto é o seu nome, que non é casual e que destaca pola súa «propiedade semántica» e diversidade de significados. Á marxe da acepción de marco como límite, o nome tamén sirve para explicar como a «a arquitectura encadra o resto das disciplinas artísticas» e como referencia ao «medio no que algo ten lugar», neste caso Vedra.
Un nome que vai máis alá aínda das distintas acepcións da palabra, xa que como detallou o coordinador, M.A.R.C.O. é mostra por «todo o contido cultural»; é arquitectura,«o eixe que vertebra o festival»; é rural; é cubertos, «edificación representativa da vida rural»; é correlación, «por xerar redes con outras iniciativas»; e é cooperación «porque sin a participación da veciñanza non ten sentido». O arquitecto e vogal de cultura do COAG, Luis Gil Pita, destacou ademais a importancia de propostas como esta para visibilizar tanto «a arquitectura con arquitecto e a arquitectura sen arquitecto, a tradicional». Ademais, puxo en valor a selección de Vedra como espazo elixido «porque é un territorio conectado coa xente».

Cartel M.A.R.C.O. / Cedida
Na presentación da mostra tamén participaron os directores e ideólogos do festival Latexos do Rural, Rubén Riós, e do festival Castelo Conta, Xosé Antonio Touriñán, que coincidiron na importancia de poñer en valor o rural e «o lugar no que vivimos». Riós fixo fincapé en que estas ideas sirven para dotar ao rural dunhas «acepcións de cultura, de festividade e de creatividade», pero que a pesar de ser fantásticas non deben server para «idealizar» o rural. Pola súa banda, Touriñán destacou que o nacemento de M.A.R.C.O. «é o primeiro paso para facer un vínculo».
Unha das patas do festival vedrés, á marxe da arquitectura e o rural, será o Programa de Voluntariado Interxeracional do Concello de Vedra. Coordinado por Iván García García, implica a mozos de 16 a 30 anos e maiores de 55 nunha serie de acción social co territorio para transformalo como a creación dunha ruta de arquitectura pola localidade. García falou tamén da importancia de implicar á comunidade educativa, ao ser «os que veñen detrás». «Que a xente aportemos cada un o noso grao de area para que a cultura sexa unha seña de identidade», engadiu.
Pola súa banda, o alcalde vedrés, Carlos Martínez Carrillo, incidiu na necesidade de «acompañar, axudar, empuxar, apoiar...pero molestar o menos posible». Ademais, quixo poñer o foco máis aló da arquitectura na xente de Vedra, destacando «o cariño e que somos terra acolledora, e iso si que é digno de orgullo».
- Santiago tendrá vuelo directo a Cork: Aer Lingus operará dos frecuencias semanales a partir del año que viene
- Una familiar del desaparecido viaja a Muxía con llaves del coche para inspeccionarlo
- El aeropuerto de Santiago agudiza su crisis tras la salida de Ryanair: 2.600 viajeros menos al día
- Fallece Francisco Barreiro, el doctor que impulsó la Cirugía Mayor Ambulatoria en el CHUS
- Segundo día de huelga de buses en Santiago: los piquetes permiten salir a los urbanos que llegan al Hospital Clínico y al de Conxo
- Natalia Dicenta, de vuelta en Santiago: «Tuvimos casa en Galicia y para Lola y para mí, esta tierra es muy querida»
- Dos septuagenarios pierden la vida al impactar un coche contra un camión en Arzúa
- Nueva jornada de huelga de los autobuses urbanos de Santiago: consulta los servicios mínimos
