Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un foro xuntará produtores, restaurantes e firmas de catering de Terras de Santiago

A xornada ‘O fío verde’ pretende que vinte emprendedores se convertan en provedores de materia prima ecolóxica para a hostalería do xeodestino

Camiño de acceso ao Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra, unha das zonas do xeodestino Terras de Santiago.

Camiño de acceso ao Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra, unha das zonas do xeodestino Terras de Santiago. / Cedida

Vedra

Dotar os restaurantes dunha materia prima ecolóxica, de inmellorable calidade e de quilómetro cero que lles permita dar un salto adiante á nosa gastronomía e convertela nun dos eixos principais da promoción turística do xeodestino Terras de Santiago, xunto aos seus atractivos paisaxísticos, culturais, naturais e patrimoniais, é o obxectivo da xornada O fío verde, primeira acción de promoción turística de dito ámbito, que terá lugar a próxima semana en Compostela.

O fío verde reunirá unha vintena de produtores locais de horta ecolóxica, leite, queixo, pasta fresca e distintos produtos cárnicos con restauradores e empresas de catering que se atopan na área de influencia do xeodestino coa intención de que poidan incorporalos á súa lista de provedores.

Trátase de emprendedores e emprendedoras dos municipios que integran o xeodestino: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra.

«Levamos a terra no noso nome, por algo somos o xeodestino Terras de Santiago. Unha terra vinculada non só a nós, senón tamén aos nosos devanceiros. E con esta iniciativa estamos intentando recuperar uns sabores que parecían esquecidos, aqueles dos nosos avós e avoas, porque estamos convencidos de que a súa frescura, a súa autenticidade e a súa calidade constitúen un atractivo innegable e unha das fortalezas da nosa proposta turística», explican dende a organización.

A xornada está organizada polo xeodestino Terras de Santiago en colaboración co GDR Terras de Compostela e Slow Food Compostela. Terá lugar a próxima semana nun establecemento hostaleiro compostelán e asistirán tamén edís de Turismo dos once municipios do xeodestino. 

Tracking Pixel Contents