Nenos e maiores da Baña gozan da Festa dos Maios e dun xantar veciñal
Fixeron xuntos unha estrutura floral e asistiron a unha función de marionetas

Participantes na Festa dos Maios celebrada na Baña. / Cedida
Redacción
A localidade da Baña viviu este domingo unha xornada marcada pola cor, a natureza e a tradición coa celebración da súa Festa dos Maios, unha cita cultural que convocou a veciñanza ao redor dunha das celebracións máis simbólicas da primavera en Galicia.
A iniciativa foi da concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, que dirixe Mónica González, quen estivo presente e participou activamente xunto á veciñanza. Á cita asistiron o alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Turismo, Ana Pensado.
A programación deu comezo cun obradoiro participativo de elaboración de maios dirixido polo artista Oli Xiráldez, no que moitas persoas, nenos e maiores, aprenderon a crear estruturas florais con elementos naturais, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega.
A cativada gozou coa busca das cañas e das flores e descubrindo a montaxe en cada un dos seus pasos, ao tempo que os maiores uniron forzas para completar un maio ben fermoso que loce xa na praza consistorial.
Debido á inestabilidade meteorolóxica, o xantar veciñal trasladouse ao centro social, onde o grupo deu boa conta tanto dos aperitivos aportados polo Concello como da comida que moitos achegaron da casa. Pola tarde, o público gozou do espectáculo Os Monifates, no que Alberto Millán e Xosé Piñeiro ofreceron unha función de marionetas danzantes acompañada de música en directo, que fixo as delicias de cativos e de maiores.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Llega el centollo a los mercados: claves para distinguir el gallego del de fuera
- Dos vecinas de A Maía se quedan a las puertas de coronarse como Miss Grand Galicia
- Desalojado el narcopiso de Fontiñas: «Estamos contentos»
- Vuelve la Feira do Monte a Ames con 22 puestos, talleres y pulpería
- El Palacio de Congresos de Santiago revitaliza su oferta cultural: 20 artistas confirmados hasta marzo
