O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o 27 de xuño unha cea solidaria a beneficio da área de Pediatría do CHUS
A finalidade é recadar fondos para a investigación sanitaria e a mellora da calidade asistencial dos pacientes pediátricos

Blas García, cuarto pola esquerda, cos promotores da cea a beneficio da área de Pediatría do CHUS. / Cedida
Redacción
O Concello de Ames colabora na organización da terceira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, que terá lugar o 27 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
A finalidade é recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento e mellora da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín Catering e Eventos.
O prezo do menú será de 30 € para os adultos, mentres que para os rapaces e rapazas de 6 a 12 anos terá un prezo de 15. De ditos importes, 5 € son de donativo. Para nenos e nenas de ata 6 anos a entrada será gratuíta.
As entradas para o evento tamén se poderán adquirir en tres establecementos comerciais e hostaleiros de Bertamiráns (Secretos de Tocador, Papelería Chavián e Don Budi) e noutros tres do Milladoiro (cafetería Casa da Cultura, Nenos Nais e Nonna & Go).
Á presentación deste evento solidario asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría, Federico Martinón Torres; e o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido.
O rexedor destacou que “ademais de pasalo ben, a parte máis importante desta iniciativa é a recadación de fondos para que Obra Social Pediatría poida ter máis medios para axudar ás familias que o necesiten. Sobre todo para as familias con nenos e nenas pequenos, é toda unha sorte contar cun colectivo de persoas que che poida axudar nun momento de necesidade. Animo a toda a veciñanza de Ames e concellos limítrofes a participar e colaborar coas persoas que, nun momento dado, poden acabar botándonos unha man a nós”.
Federico Martinón Torres salientou que “tras superar a barreira das dúas primeiras edicións, xa diría que podemos chamala a tradicional cea da Obra Social Pediatría e o Concello de Ames. É unha oportunidade de xuntanza entre amigos pero tamén para poder contribuír cunha boa causa como é axudar ás familias que teñan algún menor no hospital”.
Uxía García subliñou que “para nós é unha verdadeira satisfacción poder facer esta cea que cada ano suma máis participantes que queren colaborar coa Obra Social de Pediatría. Desde a concellería de Benestar Social ofrecemos todo o que está na nosa man para axudar eses rapaces que están pasando ou pasaron por unhas circunstancias complicadas”.
Ramón Cordido explicou que “temos uns puntos de venda de membros de XEA como son Secretos de Tocador, Papelería Chavián e Don Budi, en Bertamiráns, e no Milladoiro, Nonna & Go, a cafetería da Casa da Cultura e Nenos Nais. De novo, estamos encantados de colaborar neste evento que xa é todo un acto indispensable dentro da programación do Concello de Ames”.
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Una ciudad gallega, finalista a mejor Destino Nacional en los Premios Condé Nast Traveler
- Santiago se blinda ante el desalojo del edificio okupa de la Algalia de Arriba
- La huelga de autobuses de este lunes vuelve a poner en jaque el tráfico en Santiago
- Sin servicios mínimos: la huelga de buses vuelve a poner en jaque el tráfico en Santiago
- Las obras de modernización del Parador de Santiago obligan a cerrar la histórica puerta principal
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
