Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ACTO

Emotiva homenaxe en Baio a Labarta Pose no centenario do seu falecemento

O seu espírito regresa á vila que o veu nacer cun simbólico enterro e un busto

Representantes políticos e de entidades culturais no acto celebrado en Baio

Representantes políticos e de entidades culturais no acto celebrado en Baio / J. M. Ramos

Zas

Onte cumpríronse 100 anos da morte do escritor e xornalista Enrique Labarta Pose e, con tal motivo, o Concello de Zas rendeulle unha emotiva homenaxe na súa vila natal, á que non poido retornar a pesares de que o seu desexo era ser enterrado en Baio

Ángel Labarta, esquerda, e Manuel Muíño, na inauguración da escultura de Labarta Pose

Ángel Labarta, esquerda, e Manuel Muíño, na inauguración da escultura de Labarta Pose / J. M. Ramos

Un desexo que tratou de facer realidade o Concello, pero que non foi posible porque os seus restos foron depositados nunha fosa común en Barcelona, cidade na que morreu. «Trouxemos un anaco do seu espírito a través da poesía», afirmou o alcalde, Manuel Muíño, durante o enterro simbólico dun dos seus libros ao carón dunha escultura inaugurada na Praza Jorge Mira, na que poden verse un busto do escritor e o poema Que me enterren aló!, esculpidos nas páxinas dun libro pétreo, obra do escultor Marcos López, que empregou pedra de Zas e de Barcelona, unindo así os lugares de nacemento e falecemento do autor baiés.

Escolares e autoridades asistentes ao acto celebrado na Praza Jorge Mira

Escolares e autoridades asistentes ao acto celebrado na Praza Jorge Mira / J. M. Ramos

Ao acto sumáronse 200 escolares dos centros educativos de Zas, que protagonizaron unha ofrenda floral e lembraron a Labarta a través da súa obra. Alexandra Rilo puxo voz ao poema Que me enterren aló! e arrincou os aplausos de todos os asistentes.

O alcalde, Manuel Muíño, presidiu a cita, á que asistiron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o membro da Real Academia Galega, Manolo González; a integrante da Comisión Executiva da RAG, María Dolores Sánchez Palomino; os membros da Comisión Labarta Pose Jorge Mira, Xosé María Lema, Xosé María Rei e Xosé Manuel Varela; e o noiés Ángel Labarta, familiar do homenaxeado, entre outros, ademais de concelleiros e veciños e veciñas.

Alejandra Río recitando o poema 'Que me enterren aló! de Labarta Pose

Alejandra Río recitando o poema 'Que me enterren aló! de Labarta Pose / J. M. Ramos

O académico Manolo González definiu a Labarta Pose como "un home de mundo" e subliñou que "este é un acto conmemorativo, pero tamén reivindicativo dunha figura inxustamente tratada, pois foi un gran literato, non só un extraordinario poeta". Así, engadiu, "foi un poeta comprometido coa sociedade, que defendeu ás mulleres e a nosa fala", ademais de ser "dramaturgo e un extraordinario narrador". Por iso, concluíu, "é unha figura da que nos temos que sentir orgullosos".

Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, subliñou que Enrique Labarta "sempre foi recordado dunha maneira moi positiva" e destacou que hai cen anos "o seu pasamento causou un forte impacto en Galicia e tamén na emigración" ao outro lado do Atlántico. Sinalou ademais que "honrando a historia, aos nosos devanceiros e o noso patrimonio material e inmaterial somos moito máis grandes".

Concha Losada, do Museo do Pobo Galego, sinalou que "cando Labarta Pose quería voltar á súa casa era para escoitar falar galego", polo que pediu aos nenos e nenas que asistieron ao acto que "cando pasedes por este lugar lle deixedes unhas palabras en galego". E a representante da Real Academia Galega, María Dolores Sánchez, afirmou que "todos os veciños teñen que estar orgullosos de Labarta Pose" e pediu ás novas xeracións que conten "co seu legado".

O alcalde, Manuel Muíño, pechou o acto incidindo en que “dende hoxe temos un anaco da súa alma con nós grazas a este soterramento de parte da súa obra e cunha escultura coa que o recordaremos cada vez que pasemos por aquí”. “Dende hoxe xace na Praza Jorge Mira un dos homes bos e xenerosos”, rematou.

Tracking Pixel Contents