Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

LETRAS

O BNG propón recoñecer aos muxiáns que contribuíron a preservar o cancioneiro popular

Destaca a Delfina Trillo, Elisa Sánchez, Esperanza Trillo, Ester Álvarez, Dolores Búa e Francisco Canosa

Dorothe Schubarth, de fronte á esquerda, Delfina Trillo, de perfil, e Elisa Sánchez, de costas, en Muxía

Dorothe Schubarth, de fronte á esquerda, Delfina Trillo, de perfil, e Elisa Sánchez, de costas, en Muxía / Cedida

Muxía

O BNG de Muxía solicita o apoio da corporación municipal para incluír na programación cultural deste ano 2025 o recoñecemento a veciños e veciñas da localidade que "recolleron, mantiveron e transmitiron o patrimonio cultural oral dos nosos antergos". Os nacionalistas piden que se celebren actos de homenaxe, elabore documentación na que se recollan as súas figuras e se saliente a súa aportación, e que se coloquen placas nos seus lugares que axuden a dar visibilidade á súa aportación.

Desde o BNG cren que a edición do Día das Letras 2025 débese aproveitar en Muxía para salientar, "máis alá do recoñecemento da RAG ás seis cantareiras homenaxeadas, a todo o colectivo de cantareiras e, nomeadamente, ás veciñas e veciños que colaboraron a que hoxe exista a obra fundamental do noso folclore musical: o Cancioneiro Popular Galego, compilado e ordenado por Dorothe Schubarth e Antón Santamarina, cuxos fondos están preservados no Museo do Pobo Galego como parte do patrimonio inmaterial galego.

Así, o grupo nacionalista quere destacar a contribución cultural do municipio de Muxía “ao patrimonio de todos os galegos e galegas, homenaxeando tamén ás persoas recollidas como informantes por Dorothe Schubarth en varias parroquias e lugares do concello”, e que son Delfina Trillo Vilela (Delfina da Ghuapita), de Añobres; Elisa Sánchez Varela (Elisa da China), de Añobres; Esperanza Trillo (Dna. Esperanza), de Lourido; Mª Ester Álvarez Baliña, de Santa Mariña; Dolores Búa Barrientos (Lola da Rasqueta), de Muxía; e Francisco Canosa Barrientos, “O Nemiñán”, de Risamonde.

“Muxía destaca, polo tanto, por ser un dos poucos que conta no seu patrimonio cultural con dous homenaxeados do Día das Letras; o primeiro en 1971, Gonzalo López Abente, e o segundo neste 2025, a Eva Castiñeira, veciña de Agranzón”, subliña a formación nacionalista, que engadiu que “podemos dicir que somos unha anomalía cultural con fachenda: somos un concello de artistas!”.

TEMAS

Tracking Pixel Contents