Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames regulariza as súas terrazas cun novo cartel identificativo

A iniciativa busca facilitar as inspeccións , garantir a igualdade de condicións e fomentar un uso responsable do espazo público

Pola esquerda, Víctor Fernández, Blas García e Ana Belén Paz

Pola esquerda, Víctor Fernández, Blas García e Ana Belén Paz / Cedida

Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo e Administración Xeral, presentou onte a campaña Terrazas de Ames, unha iniciativa pioneira que busca regularizar o uso das terrazas nos establecementos hostaleiros do municipio. A proposta inclúe a implantación dun cartel identificativo obrigatorio que deberá estar visible ao público e recollerá datos clave como o número de licenza, a superficie ocupada e a capaciade da terraza.

Segundo detallaron na presentación o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, esta iniciativa ten un obxectivo triple: facilitar as inspeccións municipais, garantir a igualdade de condicións entre os negocios hostaleiros e fomentar un uso ordenado e responsable do espazo público. O reparto dos carteis comezará o vindeiro luns 19 e, a partir do día 26 de maio, iniciaranse as inspeccións para verificar que todas as terrazas cumpren coa normativa municipal e dispoñen de autorización. Neste sentido, as terrazas que non cumpran esta normativa terán ata o propio 26 de maio para iniciar o trámite.

"O que queremos facer con esta campaña é poñer en valor o noso sector hostaleiro e regular o uso das terrazas", explicou Blas García. O rexedor tamén destacou "o traballo e a importancia económica que ten para o noso concello a hostalería" e sinalou que o obxectivo é contar cunha "hostalería máis solidaria, responsable, e sobre todo, que non xere agravios comparativos entre eles mesmos".

Pola esquerda, Víctor Fernández, Blas García e Ana Belén Paz

Pola esquerda, Víctor Fernández, Blas García e Ana Belén Paz / Cedida

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral explicou que este novo cartaz identificativo "pretende amosar e poñer de manifesto todas as terrazas que están en situación legal e que poden funcionar con normalidade". "Cremos que esta é unha iniciativa novidosa, moi gráfica e que permite unha identificación inmediata das terrazas e vai redundar nun mellor servizo", engadiu.

Esta nova iniciativa tamén responde a unha demanda social de veciños e hostaleiros que pedían un maior control sobre o uso do espazo público, así como á procura de garantir a accesibilidade nas rúas do concello, especialmente para persoas con mobilidade reducida. Neste sentido, Ana Belén Paz, cualificou a iniciativa como "moi boa para que non haxa un prexuízo para aqueles establecementos hostaleiras que teñen as terrazas dadas de alta".

Tracking Pixel Contents