Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Licitan en máis de 1,3 M€ a reforma integral do colexio de Santa Comba

A Xunta renovará a cuberta, a carpintería exterior e a iluminación do centro

Do Campo, cuarta esquerda, e o alcalde, segundo dereita, no colexio de Santa Comba

Do Campo, cuarta esquerda, e o alcalde, segundo dereita, no colexio de Santa Comba / X. G.

Santa Comba

A Xunta de Galicia licitou as obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Barrié da Maza, de Santa Comba, que conta con 416 alumnos (119 en Infantil e 297 en Primaria). O orzamento da actuación é de máis de 1,3 M€.

Así o confirmou a delegada da Xunta, Belén do Campo, durante a visita ao colexio, onde estivo acompañada polo alcalde, Alberto Romar, e o director territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, entre outros.

As empresas teñen de prazo ata o 6 de xuño para presentar ofertas, e as obras, unha vez adxudicadas, terán unha duración aproximada de 9 meses.

Con esta actuación, a Consellería de Educación garantirá que o CEIP Barrié da Maza «conte cunhas instalacións modernas e adaptadas ás novas necesidades educativas», afirmou Do Campo.

O obxectivo «é mellorar o día a día dos alumnos e docentes, incrementando o confort térmico e a practicidade das instalacións. Ademais, espérase que as reformas contribúan á mellora da eficiencia enerxética dos edificios, reducindo o consumo», engadiu.

O proxecto contempla o cambio da cuberta actual por unha de panel sándwich de 30 milímetros de espesor, mellorando de forma importante o illamento. Ademais, substituiranse os canlóns interiores e as baixantes. Para mellorar o illamento térmico do edificio contémplase tamén a colocación, sobre o forxado do baixo-cuberta, dun illamento de la de roca de 10 centímetros de espesor.

Sistema de illamento térmico

A obra tamén contempla o cambio da carpintería exterior de todo o edificio por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica, dotada de vidros de dobre folla e persiana ao exterior.

Outra das intervencións consistirá na aplicación dun sistema de illamento térmico polo exterior (SATE). Con esta actuación lograrase reducir os valores da transmisión térmica do cerramento nun 80 %. Ademais, colocaranse falsos teitos absorbentes para garantir o confort acústico de todos os locais interiores, e instalaranse novos equipos de iluminación led encaixados. Nas zonas de circulación e aseos instalaranse detectores de presenza para rebaixar substancialmente o consumo de electricidade. Tamén está previsto o pintado do interior do colexio.

Do Campo subliñou que estas obras enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento alcanzará os 500 M€. 

Tracking Pixel Contents