O IES do Milladoiro presume de diversidade na súa I Semana Intercultural
Nas actividades, que culminarán cunha paella solidaria o venres 23, participarán artistas como Mondra, Guadi Galego e Uxía, cociñeiros como Kike Piñeiro ou o muralista Yoseba MP

Sentados de esq. a dereita, Thalía, Jenny, Hugo e Gabriela, alumnos do centro. Detrás, Carmen Porto, edil de Educación, e Genma Otero, de Augas de Ames, con persoal do IES e o director Manolo Maseda. / Cedida
«Houbo un cambio moi grande no centro e hoxe podemos dicir que estamos moi orgullosos de estudar no IES do Milladoiro». É o sentir de Jenny, Hugo, Gabriela e Thalía, os catro alumnos que este xoves presentaron a I Semana Intercultural que o instituto celebrará do 19 ao 23 de maio e que supón unha nova mostra de que os problemas de convivencia que se rexistraron no curso pasado quedaron atrás.
Baixo o lema que o novo equipo directivo comenzou a popularizar hai meses, Somos diferentes, somos referentes, a I Semana Intercultural ofrecerá cinco días de actividades que culminarán cun xantar solidario aberto a toda a comunidade educativa. Será unha «oportunidade» para saír da rutina das aulas e «adquirir experiencias» que lles servirán na vida diaria, como explicaban os propios alumnos.
No IES do Milladoiro estudan ao redor de 550 rapaces e rapazas de 21 nacionalidades. Unha diversidade cultural que, lonxe de ser «unha debilidade», é, segundo os estudantes, «unha realidade e unha riqueza que define» o centro.
Polo instituto do Milladoiro, o maior núcleo urbano de Ames, pasarán a vindeira semana os cantantes Guadi Galego, Uxía e Mondra, así como as Pandeireteiras da Costaneira e os Festicultores, aos que acompañará o grupo Euterpe, formado por alumnos do centro.
Haberá tamén presentacións literarias a cargo das creadoras Lola Rontano, Lucía Novas, Susana Aríns e Teresa Moure, e o artista Joseba Muruzábal —coñecido como Yoseba MP— coordinará a creación dun mural con pandeiretas voadoras para simbolizar a diversidade do centro.
O músico Xurxo Souto, outro dos convidados, falará coa rapazada sobre os trinta anos do movemento Bravú, e científicos como Xurxo Mariño achegarán os seus coñecementos ao alumnado.
Ademais, haberá teatro, con Cris de Caldas —que representará De Ida e Volta— e Fran Rei —cun obradoiro de teatro inclusivo—, xunto coa peza A Festa na Corte, que poñerá en escena o grupo Tantometén, do IES Antonio Fraguas. Co Xelmírez I desenvolverase unha andaina de convivencia, e o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón elaborará os galardóns que se entregarán na Gala prevista para o xoves 22.
Regueifas e béisbol
Augas de Ames presentará o ciclo da auga, Adega realizará unha actividade de plantación de árbores, e oenegués como Médicos do Mundo, ONCE ou Acougo darán a coñecer a súa actividade. Tampouco faltará o deporte, con demostracións de billarda e béisbol, disciplinas afastadas física e culturalmente, pero de raíz similar.
Danza, circo con Peter Punk, maxia co Mago Senín, exposicións, programas de radio, obradoiros de creación audiovisual e de regueifas, faladoiros interculturais e interxeracionais, serigrafía de camisolas ou unha presentación a cargo de Secretariado Xitano serán outras das actividades que se desenvolverán no IES do Milladoiro a vindeira semana.
O último día será especial, cunha actuación dos Festicultores a partir das 13.00 horas no anfiteatro anexo ao instituto e un xantar solidario a partir das 14.45 horas que estará aberto a toda a comunidade educativa. Os cociñeiros Kike Piñeiro, Alejandro Loimil, Juan José Mariño e Manel Oliveira elaborarán unha gran paella que poderán compartir alumnos, familias e persoal do centro, previa compra dun bono que estará á venda no centro e na casa da cultura do Milladoiro. O que se recade destinarase á familia dun alumno do centro que precisa axuda para custear un tramento médico.
‘Gala Somos diferentes, somos referentes’ o xoves 22
Un dos momentos máis destacados desta Semana Intercultural será a celebración da primeira Gala Somos diferentes, somos referentes, que se celebrará no auditorio da casa da cultura do Milladoiro o xoves 22.
No evento premiarase a Ruí Sío Domínguez (María Fumaça) e a Martín Mondragón Rivadulla, Mondra, «pola súa traxectoria en favor da solidariedade, a tolerancia e a posta en valor da diversidade».
Será unha gala «coordinada e presentada» polo alumnado do centro, que se prolongará durante uns 90 minutos e que contara con intervencións artísticas, vídeo creacións e, como prometen os estudantes do IES, «moitas sorpresas».
- Encuentran el cadáver de un hombre encadenado y sumergido en aguas del puerto de Ribeira
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- La casa de la Ribeira Sacra donde rodó Mario Casas se puede alquilar desde 280 euros
- Encuentran de madrugada el cadáver de una persona en el puerto de Ribeira
- Galicia quiere convertirse en el gran plató de las películas y series que se rueden en España
- O_Rubio King Doc Barni, la vaca lechera de Santa Comba que conquistó el título de Gran Campeona de Galicia 2026: 'Mi hermano pequeño y yo siempre tuvimos esta ilusión




