Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Elaboran un plan para promover o emprendemento en 32 concellos da área de Santiago

O presidente da Deputación da Coruña e a presidenta da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración

Valentín González Formoso e María Pais, dereita

Valentín González Formoso e María Pais, dereita / Cedida

Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, María Pais, asinaron este martes un convenio de colaboración para o finacionamento do proxecto Fomento do emprendemento e a actividade empresarial da provincia, no marco do Plan de Emprego Local.

O ámbito de actuación deste convenio esténdese a unha trintena de concellos da comarca de Santiago: A Baña, Ames, A Pobra, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.

Esta iniciativa supón un investimento de 69.375 euros, dos que a Deputación achegará o 80% (55.500 euros) e pretende apoiar a posta en marcha de novos negocios na comarca de Santiago para crear emprego de calidade, xerar riqueza e lograr un maior desenvolvemento socioeconómico que reverta en toda a provincia. Deste xeito, ten como fin contribuír á creación e consolidación de empresas, fomentar o autoemprego e proporcionar axuda para que mozos, sobre todo do rural, poidan desenvolverse na súa terra.

Valentín González Formoso e María Pais

Valentín González Formoso e María Pais / Cedida

"Esta alianza coa Cámara de Comercio de Santiago supón un paso máis na aposta da Deputación pola creación de emprego e o apoio ao empredemento, que se desenvolverá en tres ámbitos: o primeiro comprenderá accións dirixidas aos centros de ensino secundario, bacharelato e formación profesional para que a mocidade vexa o emprendemento como unha vía con posibilidades para o seu futuro; o segundo vai dirixido ás persoas emprendedoras, ás que se lle ofrecerá asesoramento nos seus proxectos para que se consoliden e expandan do mellor xeito posible; e o terceiro e último consistirá nun servizo de apoio para que esas pequenas empresas logren acceder a diversas liñas de financiamento”, explicou Valentín González Formoso, que destacou a importancia de contar nesta misión co “coñecemento e experiencia da Cámara de Comercio de Santiago”.

Pola súa banda, María Pais destacou o compromiso da Cámara "co fortalecemento do tecido empresarial e a promocióndo crecemento empresarial e o emprego da demarcación cameral, traballando en estreita colaboración cos axentes clave do territorio, como é a Deputación, polo que agradeceu o compromiso compartido para lograr un desenvolvemento socioeconómico sostible e equitativo".

Tracking Pixel Contents