Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Milladoiro acollerá un torneo benéfico a prol da investigación da heteroplasia ósea progresiva

Poderase colaborar xogando, asistindo a un cóctel solidario ou mercando unha camiseta

Eduardo Agraso (de ASGPOH) e Borja Golán, de Golan Squash Academy, xunto a Cayetena, unha das xemelgas afectadas por esta enfermidade, coa camiseta conmemorativa do torneo.

Eduardo Agraso (de ASGPOH) e Borja Golán, de Golan Squash Academy, xunto a Cayetena, unha das xemelgas afectadas por esta enfermidade, coa camiseta conmemorativa do torneo. / Cedida

Ames

Squash Santiago, a academia de tenis e pádel 2mas e Golan Squash Academy organizan o torneo benéfico Raquetas en acción a favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH). Esta iniciativa solidaria terá lugar este venres 23 de maio, a partir das 17.00 horas, nas instalacións do club de tenis-pádel Squash Santiago, no Milladoiro (Ames).  

Todas as persoas que desexen colaborar poden facelo de tres formas: inscribíndose nos torneos express de tenis, pádel e squash que se desenvolverán a partir das 17.00 horas; comprando a camiseta conmemorativa do evento; ou participando no cóctel final.

En todo caso, é preciso anotarse previamente en Squash Santiago (981 530 012 ou a través da web www.squashsantiago.com). Todo o recadado irá a beneficio da investigación desta enfermidade ultrarrara, progresiva, dexenerativa e invalidante.  

Raquetas en acción arrincará ás 17.00 horas cos torneos de tenis, pádel e squash. A partir das 20.30 horas haberá obradoiros e inchables para os nenos e nenas, barra de perritos calientes, música e moitas sorpresas.

Ás 21.00 horas terá lugar unha charla informativa na que unha persoa de ASGPOH explicará os detalles desta enfermidade, así como dos avances que se están conseguindo no campo da investigación. A xornada pecharase cun cóctel solidario.

Entre as tres formas de colaborar coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva figuran a inscrición no torneo (10 euros para adultos e 5 euros para nenos de ata 16 anos), comprar unha camiseta conmemorativa do evento (10 euros) ou inscribirse na cea (15 euros para adultos e 5 euros para nenos de ata 16 anos).

A maiores, haberá posibilidades de combinar estas tres modalidades: torneo e camiseta (15 euros para adultos e 10 euros para nenos de ata 16 anos) ou torneo, camiseta e cea (25 euros para adultos e 15 euros para nenos de ata 16 anos).

Tracking Pixel Contents