Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello de Melide habilita un aparcamento público e gratuíto na rúa México

Varios particulares cederon os terreos necesarios

Imaxe do novo aparcamento da rúa México, en Melide.

Imaxe do novo aparcamento da rúa México, en Melide. / Cedida

Redacción

Melide

O Concello de Melide continúa levando a cabo intervencións no espazo público para a mellora da mobilidade. Desta volta, vén de habilitar un novo estacionamento público e gratuíto na rúa México, que ofrece xa un gran número de prazas na contorna do centro urbano melidao, contribuíndo á desconxestión do tráfico rodado na vila.

O novo espazo de estacionamento, que se engade ao xa existente nas proximidades, foi habilitado grazas á cesión dos terreos por parte de varios particulares.

Onovo aparcadoiro supón, igualmente, unha readaptación dos usos da vía e do espazo circundante, a fin de facilitar o uso da nova instalación.

Con este obxectivo, de agora en adiante o estacionamento estará prohibido en ambos os dous sentidos da rúa México.

Igualmente, a saída desde a rúa México polo Camiño das Cabadas non estará permitida, polo que se instalou a correspondente sinalización vertical.

O novo aparcadoiro público súmase á longa lista de espazos de estacionamento habilitados nos últimos anos polo Concello, que inclúe, alén do previamente existente na rúa México, os da avenida da Habana, o Castelo e a rúa Rosalía de Castro.

Por outra banda, o Concello anuncia a prohibición de circular en vehículos en toda a rúa Alhóndiga os días de mercado, entre as 08.00 e as 15.00 horas.

Tracking Pixel Contents