A Xunta asina a cesión das parcelas para o novo centro de saúde de Teo
O inmoble, que substituirá aos de Cacheiras e Pontevea, construirase nunha parcela de 10.539 metros cadrados na Ramallosa
Prevese unha inversión de 4,3 millóns de euros

Amparo Posada e Lucía Calvo de la Uz / Cedida
A Xunta e o Concello de Teo firmaron esta semana a cesión gratuíta dos terreos para que a Consellería de Sanidade constrúa un novo centro de saúde na localidade. O Executivo galego prevé realizar unha inversión estimada de ao redor de 4,3 millóns de euros para a construción desta nova infraestrutura sanitaria.
A cesión foi firmada ante notario pola directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Posada, e pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz.
A parcela que albergará o inmoble conta cunha extensión de 10.539 m2 e emplazase no lugar da Ramallosa. Está previsto, ademais, que o novo centro de saúde teña unha superficie que superará os 1.800 m2.
A construción deste centro sanitario permitirá achegar unha mellor atención asistencial ao conxunto da poboación deste municipio, ao verse ampliadas tanto as súas dimensións, como a súa carteira de servizos.
O novo inmoble sustituirá os actuais centros de saúde de Cacheiras e de Pontevea, posibilitando unha mellor planificación dos cadros de persoal.
O seguinte paso será a licitación da redacción do proxecto. A Xunta espera contar co proxecto básico e de execución da obra na primeira metade de 2026 para, posteriormente, licitar e adxudicar a súa construción.
De acordo co Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, a construción do novo centro de saúde encádrase na fase 2 da dita planificación. Porén, a celeridade coa que o Concello de Teo cedeu uns terreos axeitados para levantar a nova edificación permitirá que a veciñanza poida contar con esta infraestrutura sanitaria antes do previsto.
O novo centro de saúde de Teo estará dotado con 16 consultas de adultos, unha área de saúde bucodental, un despacho de traballo social, dúas salas de técnicas, unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións.
Tamén disporá dunha área de atención pediátrica con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermaría pediátrica, unha sala de observación e unha sala de docencia, entre outras dependencias.
Así pois, o Plan funcional deseñado para este novo centro de saúde contempla o incremento de dúas consultas de medicina, dúas de enfermaría, unha de farmacia e unha sala de técnicas, unha área de saúde bucodental, así como un despacho de traballo social.
Ademais, na área de pediatría ampliarase o número de consultas de unha a dúas e dotarase o centro cunha sala de enfermaría pediátrica e unha sala de observación. Tamén contará cunha sala destinada á docencia, unha zona de vestiarios para pacientes e dous despachos para coordinación e atención ao usuario.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Muere una persona en Porto do Son después de chocar con un caballo
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- Muere Jesús Bernal, el atleta más querido del circuito gallego

