Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Impulsan a compostaxe co reparto de 200 composteiros entre a veciñanza amesá

O programa inclúe formación, seguimento técnico e tamén material de apoio

Usuarios facendo uso dun composteiro en Ames

Usuarios facendo uso dun composteiro en Ames / Cedida

Ames

O Concello de Ames, a través da Concellería de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, reforza o seu compromiso coa xestión sostible de residuos coa distribución de 200 composteiros domésticos entre a veciñanza de vivendas unifamiliares.

Con esta nova acción, supérarase a cifra de 400 composteiros instalados no municipio, avanzando cara aos obxectivos de recollida de residuos marcados pola lexislación e consolidando a súa aposta por unha xestión respectuosa co medio ambiente. Ademais, como novidade, esta acción incorporará catro biotrituradoras de uso compartido para facilitar o tratamento dos restos vexetais e a obtención de material estruturante.

As persoas residentes en vivendas unifamiliares que estean interesadas en sumarse ao programa de compostaxe deben inscribirse a través dos canais habituais do Concello (presencial ou de xeito telemático) ata agotar existencias. Os composteiros repartiranse por orden de solicitude e, unha vez inscritas, as familias participantes recibirán formación técnica para aprender a compostar correctamente, un kit de compostaxe (un composteiro doméstico, un caldeiro para a separación dos biorresiduos na cociña, un aireador e un manual explicativo) e seguimento técnico personalizado para resolver dúbidas e optimizar o proceso de compostaxe.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaca «a importancia do factor humano para o éxito deste tipo de iniciativas». Ademais, indica que «se prioriza non só a instalación de novos composteiros, senón tamén o acompañamento integral aos participantes, que abarca a análise do proceso individual de compostaxe, a resolución de dúbidas e o apoio continuo para a consolidación desta práctica».

Tracking Pixel Contents