Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ANIVERSARIO

Medio século educando e promovendo a igualdade no IES Agra de Raíces de Cee

O centro pechou os actos lembrando anos decisivos de coñecemento e diversidade

Asistentes ao acto do 50 aniversario do IES Agra de Raíces de Cee

Asistentes ao acto do 50 aniversario do IES Agra de Raíces de Cee / Cedida

Cee

O IES Agra de Raíces, de Cee, pechou os actos conmemorativos do seu 50 aniversario cunha conferencia baixo o lema Os anos decisivos: coñecemento e diversidade, na que participaron a alcaldesa e exalumna do centro, Margarita Lamela; o exministro e tamén exalumno do instituto, Francisco Caamaño, e o actual director Manuel Antelo.

A rexedora subliñou na súa intervención que a "vila ceense foi privilexiada no ámbito da educación desde as últimas décadas do século XIX" e lembrou que a ensinanza feminina "estivo detrás da creación do Instituto de Bacharelato de Cee".

Subliñou ademais que o 13 de outubro de 1973 foi "un día histórico para Cee e a comarca, coas inauguracións oficiais de dous centros: o de EXB e o que naceu destinado a bacharelato feminino pero acabou sendo instituto mixto". Ese mesmo día, engadiu, "inaugurouse o monumento de Fernando Blanco de Lema", o gran mecenas ceense.

Francisco Caamaño, esquerda, Margarita Lamela e Francisco Javier Blanco García, no acto

Francisco Caamaño, esquerda, Margarita Lamela e Francisco Javier Blanco García, no acto / Cedida

Lembrou ao persoal, docente e non docente, encargado de poñer en marcha o bacharelato, e a outros que se foron incorporando, como o mestre matemático Jesús Garea, que desenvolveu toda a súa carreira ocupando diferentes cargos directivos, e Divina Lago Freire, auxiliar administrativa.

Margarita Lamela lembrou tamén aos premiados nos Primeros Juegos Florales para BUP y COU, no curso 1970, entre os que estaban Francisco Caamaño Senande, María Sara Vieites Lado e o muxián Xusto López Carril, xornalista da Radio Galega. No cadro de honra dos mellores expedientes, engadiu, "figuraban sete alumnos, máis que en todos os cursos xuntos", por obter matrícula de honra global: Francisco Javier Blanco García, Francisco Caamaño Domínguez, José Antonio Castiñeira Castro, María del Carmen Mosquera Castro, María del Carmen Mouzo Toba, Mercedes Sánchez Bello e María Purificación Trillo Blanco".

Alba Trillo, ao piano, e Uxía Santos amenizando os actos do 50 aniversario

Alba Trillo, ao piano, e Uxía Santos amenizando os actos do 50 aniversario / Cedida

O acto complementouse coas actuacións de Uxía Santos (1º de bacharelato), voz, e Alba Trillo Pérez (4º ESO), ao piano, e as cantareiras Uxía Domínguez Martínez (1º bacharelato), Antía Domínguez Martínez (3º ESO), Aldara Caamaño Figueiras (4º ESO), Nuria Riveiro Romero (4º ESO), Xulia Montero Fraga (2º ESO), Carla García Castro (3º ESO) e Ana Paz Canosa (2º ESO).

Manuel Antelo, director do IES Agra de Raíces, de Cee

Manuel Antelo, director do IES Agra de Raíces, de Cee / Cedida

O director do IES Agra de Raíces, Manuel Antelo, subliñou que o centro "tivo e ten unha influencia moi importante en todos os ámbitos da sociedade da comarca, preparando a mozos e mozas para os estudos universitarios, a formación profesional, ou o acceso ao mundo laboral. Mais, o papel importante dun centro de educación secundaria é tamen servir de ascensor social promovendo a igualdade de oportunidades nunha sociedade desigual como a nosa".

Previamente, celebrouse outra mesa redonda na que exalumnas e exalumnos fixeron un percorrido pola historia do ensino secundario e preuniversitario en Cee e na comarca. O empresario Pepe Formoso exerceu de moderador e no coloquio participaron Artur Trillo, director de teatro; Jorge Lariño, profesor e presidente do Club de Atletismo Olimpia; Sabela Ramos, traballadora de Google en Europa (participou por videoconferencia dende Amsterdam) e Laura Suárez, deseñadora gráfica e escritora.

Tracking Pixel Contents