Silleda inaugura a Semana Verde máis internacional dos últimos vinte anos
Os 69 expositores directos estranxeiros case duplican os de 2024
Nesta edición a feira alcanza a súa mellor cifra de puntos de venda con 758 empresas chegadas de oito países

Expositores na edición anterior da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia / Cedida
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre este xoves, e ata este domingo 8, as súas portas en Silleda cunha edición que xa marca fitos antes de comezar. Neste sentido, o certame multisectorial alcanza nesta edición a súa mellor cifra de expositores directos dos últimos dezaoito anos, estando presentes 758 empresas e entidades de oito países. A eles súmanse 364 firmas representadas, un 7% máis, as cales xunto ás empresas presentes proceden de vinte e sete países.
Esta convocatoria é, ademais, a máis internacional dos últimos vinte anos. Serán sesenta e nove expositores directos estranxeiros, case o dobre que o ano pasado, chegados de Portugal, Italia, Cuba, Colombia, México, Ecuador e Estados Unidos. Así mesmo, do total de firmas representadas, 142 serán estranxeiras de 26 países, e tamén participarán máis de corenta operadores turísticos e compradores alimentarios estranxeiros procedentes de vinte países distintos.
Alimentación, turismo natureza e gandería
A feira volverá destacar pola súa diversidade, xa que non só volverá contar con sectores como gandería, bioenerxía, pequena maquinaria ou artesanía, e cos seus salóns paralelos de alimentación, turismo, caza e natureza, senón que nesta edición estrea a feira de beleza e estética Intermaz Beauty Show.

Pavillón de gandeiría na Semana Verde o pasado ano / Cedida
Este ano volve destacar o seu amplo programa, con máis de 200 actividades. No ámbito alimentario, Salimat Abanca destaca este ano polos seus encontros internacionais, que contarán coa participación de 31 importadores de 16 países. A súa zona Alinova amosará máis de 60 produtos innovadores, como vermú picante ou barras de proteína con sabor a torta de Santiago. Haberá, ademais, catas, showcookings e concursos populares.
Por outra banda, Turexpo Galicia e Festur contarán con empresas e entidades do sector turístico entre as que destacan novas participacións e tamén 45 concellos e xeodestinos que promocionarán 60 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento.
En canto á feira Fecap Abanca, centrada en caza, pesca e natureza, ofrecerá desde exhibicións de cetrería ata concursos de lanzamento de mosca e actividades de axilidade canina. Pola súa parte, o espazo ecuestre contará con espectáculos de doma, competicións e exhibicións con cabalos, aguias e cans.

Espectáculo ecuestre durante a Semana Verde o pasado ano / Cedida
No sector gandeiro, as razas autóctonas de Galicia serán protagonistas con exhibicións, concursos e actividades como o I Concurso Interracial de Manexo porcino, onde se medirán o Porco Celta e o Goshu Asturcelta.
O programa complétase con propostas para todos os públicos: dende unha exposición de dinosauros animatrónicos ata competicións deportivas como a X Carreira Popular ou o VI Open de Xadrez. Tamén haberá shows de motor, exhibicións de skate e actividades diversas de aventura.
CLUN presenta as innovacións dos seus lácteos
A cooperativa rural galega CLUN participará, un ano máis, na Semana Verde de Galicia cunha presenza destacada tanto no exterior como no interior do recinto para «estar preto da xente, dos nosos socios e socias e dos consumidores en xeral, e amosar o traballo que facemos».
No espazo exterior, a cooperativa estará na súa caseta de madeira na que amosará a parte máis vinculada á rama de negocio agrogandeiro. Nesta liña, os visitantes poderán coñecer todos os produtos e servizos ofrecidos: desde pensos, sementes e fitosanitarios ata asesoramento técnico especializado. Ademais, os técnicos da cooperativa estarán presentes durante toda a feira para resolver dúbidas e compartir información.
Ademais, esta caseta incluirá unha área pensada especialmente para os máis pequenos, cun circuíto de tractores e actividades guiadas por monitores, co obxectivo de achegar o sector gandeiro ás idades máis temperás dunha maneira didáctica e amena.
Por outro lado, no pavillón de alimentación, CLUN presentará a nova imaxe de Feiraco e a última innovación dos lácteos Únicla A2. Os visitantes poderán probar no stand propio as últimas novidades da marca, coñecer en detalle as características de cada unha e participar en diversas dinámicas pensadas para todos os públicos, como degustacións guiadas ou ruletas de premios e regalos directos.
- De las aulas de Santiago a la graduación en Michigan: la historia de éxito de Carlota Garabato en Estados Unidos
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Boiro atesora los restos de un templo de hace catorce siglos, uno de los más antiguos de Galicia
- Sorpresa en Noia: un tendal de setenta metros sobre la ría
- La USC sitúa a tres investigadores entre los jóvenes más destacados de Galicia por sus avances en energía, obesidad y turismo
- El legendario París-Dakar revive en Fontiñas: así es la versión del barrio compostelano
- La SD Compostela logra la ansiada remontada contra el Atlético Arteixo tras sufrir en la prórroga

