Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Semana Verde arranca en Silleda coa súa edición máis internacional e profesional

Compradores de 21 países participan nos encontros dos sectores alimentario e turístico

Diego Calvo e María José Gómez inauguraron a feira, que inclúe showcookings, catas comentadas, certames morfolóxicos e relatorios

Os conselleiros Diego Calvo e María José Gómez, ambos os dous no centro, onte

Os conselleiros Diego Calvo e María José Gómez, ambos os dous no centro, onte / Bernabé/Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Silleda

A 47ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abriu este xoves as súas portas no recinto feiral de Silleda cun forte impulso profesional e unha clara aposta pola internacionalización. A xornada inaugural contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quenes destacaron o crecemento sostido do evento e as múltiples propostas de negocio e lecer que ofrece tanto para profesionais como para o público en xeral.

Con 758 expositores directos, procedentes de oito países, esta edición marca un fito ao acadar a mellor cifra dos últimos dezaoito anos e converterse na «máis internacional» das dúas últimas décadas, con 69 firmas estranxeiras presentes, «case o dobre que o ano pasado», segundo destacou o conselleiro.

«Sumar 47 edicións e seguir superándose, tanto en expositores como en internacionalización, demostra unha fortaleza de organización e loxística que poucos espazos poden ofrecer coas garantías deste recinto», engadiu Diego Calvo.

Dentro do amplo programa de actividades que se desenvolverán ata este domingo 8, a feira acolleu este xoves propostas dirixidas a profesionais. Neste sentido, Diego Calvo puxo precisamente o foco nesta vertente profesional, que permite «atopar colaboradores, establecer alianzas e aumentar a visibilidade achegándose ás persoas consumidoras».

Precisamente neste contexto, a conselleira do Medio Rural asisitiu á sinatura do convenio de colaboración entre a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e Vegalsa-Eroski para a comercialización do produto amparado por este selo de calidade. Gómez destacou que estas «alianzas estratéxicas» son especialmente beneficiosas.

Entre as actividades que se levarán a cabo estes días destacan as mesas de negocio dos salóns de alimentación e turismo, onde participan máis de 60 compradores e operadores turísticos de 21 países.

Mesas dos Encontros Internacionais

Mesas dos Encontros Internacionais / Bernabé/Javier Lalín

Así, no Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, comezaron os Encontros Internacionais de Compradores, que reúnen 31 importadores e distribuidores de Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza.

Pola súa banda, a Bolsa de Contratación Turística de Turexpo Galicia conta con 32 operadores turísticos con presenza en Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia.

Ademais destas mesas de negocio, en Salimat Abanca tamén se están celebrando outras actividades destinadas a profesionais, como showcookings de produtos de calidade, catas comentadas ou demostracións de coctelería.

Razas en perigo de extinción

Na área de gandería celebráronse os concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, onde se elixiron os mellores exemplares para promocionar estas razas e incentivar a súa mellora xenética. E na primeira edición do salón de beleza e estética Intermax Beauty Show leváronse a cabo dúas conferencias, tituladas Autocoidado, benestar e oportunidade de negocio e Máis clientes, máis ingresos e un plan claro para deixar de improvisar.

Gadis promove a alimentación saudable

Diego Calvo e Mª José Gómez, acompañados pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, visitaron durante a xornada inaugural o stand de Gadis, que ofrece no seu stand actividades dirixidas a todos os públicos para fomentar o consumo de produtos de orixe local.

Lola Crespo (Ñamlicioso y Frambuesa y Caramelo) y Carmen Albo (Guisándome la vida) realizan uns showcookings para ensinar a preparar receitas rápidas e saudables, mentres que os nenos de entre 6 e 11 anos poden participar nos obradoiros infantís sobre alimentación saudable e consumo responsable.

Tracking Pixel Contents