Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Alumnos de FP invitan a saborear a Semana Verde

Román Rodríguez visitou a feira Semana Verde para coñecer o traballo dos centros de hostelería

O conselleiro Román Rodríguez, terceiro pola esquerda, no stand de Formación Profesional.

O conselleiro Román Rodríguez, terceiro pola esquerda, no stand de Formación Profesional. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Silleda

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou este sábado a 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebra en Silleda ata este domingo.

O conselleiro quixo coñecer o stand que Formación Profesional ten no certame, no que diversos centros de hostalería e turismo e industrias alimentarias elaboran alimentos e realizan degustacións. Rodríguez probou algunhas desas elaboracións e fixo un percorrido pola feira.

Os amantes da boa cociña e as delicatessen teñen no Salón da Alimentación (Salimat Abanca) un espazo para gozar ao máximo. Chefs de recoñecido prestixio e as propias empresas achegan ao público os mellores produtos a través de sesións de cociña en directo, presentacións, catas e talleres.

Pero a Semana Verde puxo en marcha este sábado o seu programa máis lúdico. E fíxoo multiplicando as propostas das súas distintas áreas e salóns e incluíndo algunhas con gran espectacularidade.

Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o XI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, un morfolóxico de cabalos árabes con gran participación que continúa este domingo, e un taller sobre coidados do poni onde os nenos poden cepillalos, facerlles trenzados ou pasealos á corda.

Unha das exhibicións de cetrería.

Unha das exhibicións de cetrería. / Cedida

Centrado en exemplares de Pura Raza Galega tamén se levou a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial, unha vistosa exhibición de rapa das bestas nun curro con eguas do monte e varios grupos de aloitadores, un desfile de varios cabalos engalanados ao modo tradicional ou unha demostración de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia Dragóns de Santiago.

En canto ás caninas, realizáronse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina e outra de pastoreo de ovellas con cans da raza boder collie, ademais de actividades co Can de Palleiro, demostracións de agility (axilidade canina) e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, tanto por equipos como individual. 

Por outra banda, comezaron as actividades sobre rodas. Realizáronse cursos gratuítos e exhibicións de skateboarding, nas que participaron algúns campións e campioas galegas desta modalidade deportiva.

Exhibición de skate.

Exhibición de skate. / Cedida

Así mesmo, o público puido gozar dunha exhibición a cargo do pioneiro do freestyle motocrós en Portugal, Paulo Martinho, e do show Pichu & Balles Stunt, integrado por dous dos tres únicos pilotos de stunt (acrobacias sobre rodas) en Galicia.

Saóns paralelos

As actividades relacionadas cos outros catro salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron este sábado. Así, en Turexpo Galicia e Festur celebráronse actividades relacionadas con festas de interese turístico, como demostracións das palilleiras de Camariñas e do Entroido dos Xenerais do Ulla, un showcooking da Festa do Queixo de Arzúa ou degustacións da Festa da Tortilla de Laro, de Silleda, do Pan de Cea, do Xamón da Cañiza e das Patacas de Coristanco en distintas elaboracións.

Sumáronse talleres da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, como o de elaboración de caretas de animais da natureza galega ou o VIII Encontro de Creadores Dixitais de Turismo, que nesta ocasión contou con doce creadores de Engaliciamórate, Gallego Viaxeiro, Wonderintravel, Gato Vadio Travel Blog, Baixo Infinitas Estrelas, LauradeOurense, Antonautas na Iagosfera, Wfabianchos e Koala 87.

Taller de styling masculino.

Taller de styling masculino. / Cedida

En canto a Salimat Abanca, desenvolvéronse numerosas propostas, como demostracións de coctelería ou degustacións a cargo dos centros de formación profesional de hostalería e turismo e industrias alimentarias organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e varias sesións da Aula de Catas da Consellería do Mar, entre elas a denominada Acuicultura, descúbrea: o rodaballo.

Tamén se celebraron as Experiencias de Calidade organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), como a cata de viños premiados nas Catas de Galicia 2024 ou a presentación e degustación de produtos agroalimentarios organizada por Economía Social de Galicia no stand da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Así mesmo, destacaron os showcookings da Terraza Salimat, entre eles o centrado na raza autóctona galega Galiña Piñeira e o de produtos de Galicia amparados baixo Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida, ecolóxicos e de artesanía alimentaria a cargo de Julio Mato, chef do Programa de TVG A voltas co prato.

Demostracións no taller de beleza e estética.

Demostracións no taller de beleza e estética. / Cedida

Sumáronse gran cantidade de showcookings, catas e degustacións nos distintos stands, ademais do X Encontro de Creadores Dixitais, no que participaron trece creadores de Pez Salvaje, Guía Furanchín, La Cocina de Fati, Vigodelicioso, Desayuna Coruña, Magdalenas de Chocolate, ElfaroGastro, Pasear Galicia e Rosanacr34. 

En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería, unha demostración de montaxe de moscas a cargo dos especialistas Marcos Prado e Joaquín L. Quintás e un concurso de lance de mosca.

Tamén se intensificaron as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o simulador Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.

Exhibición de agility.

Exhibición de agility. / Cedida

Pola súa banda, no salón de beleza e estética Intermax Beauty Show leváronse a cabo dous talleres de técnicas de styling masculino e feminino con expertos do sector. Un deles por parte de Jesús Vázquez, formador para diversas marcas e gañador do premio Imaxe Galicia á mellor colección masculina.

Sumouse Sara Serantes, directora xeral de Innusual, CEO de Ssctrainer Formacións e formadora de química e cosmetoloxía e do Máster Bioquímica e Físico da Cor para toda Europa.

Tamén mostrou os seus coñecementos Christian Barber, campión de freestyle de barbería en Galicia e na Golden Chair Internacional, ademais de creador da batalla de barbeiros A Mariña Barber Battle.  

Ademais, tiveron lugar as conferencias Como crear unha estratexia de branding para o teu negocio e Autocoidado, benestar e oportunidade de negocio.

Tracking Pixel Contents